ConcellosÚltima hora

A cultura urbana chega a Verín da man do festival Extruga Street

A Asociación Cultural LongoDub e o Concello presentaron hoxe a actividade

Durante a presentación.

 

A Asociación Cultural LongoDub e o Concello de Verín presentaron hoxe, 27 de agosto, a terceira edición do festival Extruga Street, que terá lugar os vindeiros días 30 e 31 de agosto.

É un evento de carácter urbano, cuxo obxectivo é o de “divulgar as alternativas deportivas, artísticas e laborais propias da cultura urbana, á vez que se involucra aos veciños no que é o primeiro festival urbano da comarca”.

A organización do Extruga Street, composta por Hugo Salgado, Antonio Álvarez e Iris Justo, considera esta difusión “imprescindible para restaurar unha visión positiva desta cultura, tan chea de riqueza como de prexuízos”.

Este festival estará cheo de concertos, obradoiros e actividades paralelas como a “Xuntanza BMX & Scooter”, que terá lugar o sábado 31 no skate park de Verín.

 

Cartel da actividade.

 

A programación do venres desenvolverase na Praia Fluvial do Río Támega. Comezará ás 10:30 horas cun obradoiro de graffiti para a ludoteca, e pola tarde haberá outro obradoiro, neste caso de slackline e pinta gorras. Ás 17:30 horas terá lugar unha regueifa. As actuacións musicais deste día correrán a cargo de Boli (21:15 horas), Aris (21:45 horas), La Pena (22:30 horas), O Pirata (23:00 horas), Son da Rúa (23:40 horas), e Kaixo (00:40 horas).

Xa o sábado, día 31 de agosto, as actividades terán lugar no skate park de Verín. Pola mañá será a “Xuntanza BMX & Scooter”, mentes que pola tarde haberá unha degustación de estrugas ás 21:30 horas e terá lugar a final da regueifa.

As actuacións musicais do sábado estarán protagonizadas por Sara Lugo ft. Revolutionary Brothers (23:15 horas), Dakidarría (00:30 horas), J. Dose (02:00 horas) e por último, Skandalo Gz (03:15 horas).

Artigos relacionados

Back to top button