CulturaCulturaÚltima hora

A curtametraxe “Amanezca”, escrita e dirixida por Lucía Álvarez, preséntase en Madrid

Protagonizada por María Botto e con música de Rosa Torres-Pardo, está realizada cun equipo completamente feminino

Presentación da curtametraxe “Amanezca” na Residencia de Estudantes de Madrid./ Foto: Carlos de Luna Béjar.

 

“Ás veces gustaríanos que os clásicos pasaran de moda, hai cousas que deberían caducar, que non deberían ser normalizadas”, dicía Lucía Álvarez na presentación de “Amanezca”, un traballo escrito e dirixido por esta actriz de Mouruás (San Xoán de Río), que se presentaba o 6 de marzo na Residencia de Estudantes de Madrid, rodeada polo equipo da película.

O filme conta a historia de Rita, unha actriz que se enfronta ao reto de interpretar a Laurencia, protagonista da célebre obra teatral Fuenteovejuna, escrita por Lope de Vega e publicada en 1619. E mentres prepara este difícil papel, de súpeto, vive unha situación similar á dese personaxe, case catro séculos despois.

“A base é o monólogo de Laurencia, que sofre unha violación diante de todos e ninguén fai nada. É un monólogo que as actrices temos moi metido na cabeza porque o estudamos moi pronto na escola. É difícil, é verso… co cal quedáseche porque ademais é moi rotundo, ten forza. Cos anos, non sei moi ben por que, volvín lelo, reencontreime con ese texto e quedei abraiada da súa vixencia e empecei a darlle voltas a que os clásicos non pasan de moda. E de aí xurdiu un poco a idea”, lembraba Lucía Álvarez.

 

Lucía Álvarez, intervindo no acto./ Foto: Carlos de Luna Béjar.

 

Hai tres ou catro anos ocurríaselle convertir a Rita nunha Laurencia do século XXI, “violada por tres ou catro homes. Cando o comentei todo o mundo pensaba que se me ocurrira a maior das aberracións. Pouco despois de reunirme con Carmela M. Oliart (directora de produción) para contarlle o proxecto, sucedeu o da Manada, entón, sempre a realidade supera a ficción”, resaltaba a autora da curta.

Para desenvolver este proxecto, Lucía Álvarez rodeábase dun equipo 100% feminino. “Cando empezamos a facer a búsqueda decatámonos da inmensa dificultade diso”, indicaba  Carmela M. Oliart, “ata hai moi pouco non puidemos pechar o equipo, non tiñamos montadora de son e algúns oficios, en especial os eléctricos, están absolutamente copados por homes. Cando fixemos este exercicio vimos que era necesario e bonito poñelo en marcha desta maneira. E ademais foi posible porque non deixa de ser un proxecto de dous días de rodaxe e pequeniño. Hoxe por hoxe, para unha longametraxe sería imposible. Por iso síntome orgullosa de que puideramos levantar a curta con este equipo, o que lle deu a todo unha natureza especial”.

O reparto

Cando Lucía Álvarez pensou en proporlle á actriz María Botto o papel de Rita, cría que non o ía aceptar, “pero enseguida me dixo que si, que era unha boa idea. Escollina porque paréceme unha actriz con moitísimo talento e porque quería que fora alguén do seu perfil. Lope de Vega escribiu ese personaxe para unha rapaza moi nova, e iso segue pasando hoxe. É dicir, ás actrices séguennos encasillando nun físico e nunha idade. Parece que cando pasas dos 20 anos pretende invisibilizarse á muller e, desta maneira, pretendo amosar que máis alá diso, seguimos sendo desexadas, tendo inquietudes e ilusións, e por qué non dicilo, tamén medo”, explicaba a directora.

María Botto séntese moi agradecida por este proxecto xa que cando “empecei a traballar o personaxe, decateime da súa vixencia, dunha sensación que dalgunha maneira pasamos todas as mulleres”. Ademais desta actriz, tamén forman parte do reparto María José Alfonso e catro actores: Fernando Andina, Nacho López, Jorge San José e Pedro Aijón, que interpretan aos violadores.

 

A actria María Botto interpreta a Laurencia./ Foto: Carlos de Luna Béjar.

 

Lucía Álvarez resalta que Rita pretende representar a “todas as mulleres ao longo da historia. E iso fíxeno a través das voces das diferentes actrices que interpretaron a Laurencia ao longo da historia, convertíndoo tamén, como actriz que son, nunha homenaxe ás que nos precederon, a todas as que loitaron por que teñamos a liberdade de traballar, de dicir quen somos, de enfrontarnos aos textos, de poder crear e dirixir”.

A música

Outro dos elementos esenciais de “Amanezca” é a súa música, “é o que verdadeiramente conforma a película”, en palabras da súa directora, “porque é o que te vai levar a un sitio ou outro, o que te transporta, o que te coloca, o que te emociona e potencia todo o demais”. Unha música que é obra da pianista Rosa Torres-Pardo, que tamén asistía á presentación. “Foi un reto para as dúas compoñer a canción da curta, foi un traballo arduo, pero moi emocionante”, engadía Álvarez.

Malia que Torres-Pardo non se considera compositora, aceptaba o reto. “Este proxecto interésame moitísimo, encántame estar nun equipo con todas vos porque pensamos moi parecido e hai que comprometerse neste tipo de cousas, é importante e a min enriquéceme moitísimo”, contaba esta pianista. E o primeiro que fixo foi achegarse á historia, “que, en realidade, son dúas paralelas no tempo. Unha historia que se repite en épocas diferentes, así que fixen unha danza, á antiga, para eses versos de Lope de Vega e despois unha canción. Para iso servímonos duns versos de Calderón de la Barca”.

A presentación concluía coa estrea do tráiler de “Amanezca” e coa interpretación por parte de Clara Muñiz (voz) e Rosa Torres-Pardo (piano) da canción da película. Este traballo non conta con axudas e agora “estamos en plena búsqueda de financiamento para que poida ter unha distribución digna e á altura do que cremos que se merece”, adiantaba a directora.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close