EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Monterrei alerta de furtos e roubos no seu territorio

Decenas de enxertos de viñedo, baterías de maquinaria agrícola, ademais de apeiros de labranza. Son algúns dos artigos que, segundo o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, teñen sido substraídos nesta zona ourensá. “Nestas xornadas foron varios viticultores e adegueiros os que se puxeron en contacto coa presidencia do Consello Regulador co fin de alertar sobre furtos e robos que se viñeron producindo nas últimas semanas no territorio da denominación”, segundo facía público este organismo a través dun comunicado de prensa.

Tamén se informa dende esta D.O. que estas actividades “delictivas producíronse en diferentes horarios, chegando a detectarse incluso durante a hora do almorzo. Os perxudicados manifestaron o seu pesar sobre esta situación, xa que supuxo un perxuízo económico para eles, así como o retraso dos labores agrícolas que xa estaban programados”.

A presidenta do CRDO Monterrei, Lara Da Silva, manifestaba “o malestar polos recentes furtos e roubos que están perxudicando aos nosos viticultores e adegueiros, e por ende ao sector vitivinícola”, e, “por iso, solicitamos o labor das forzas e corpos de seguridade do Estado para que sexan abordadas ditas actividades delictivas, e animamos a todos os perxudicados a comunicarllo ás autoridades competentes co obxecto de que se identifique aos culpables”.

Artigos relacionados

Back to top button