EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Monterrei celebra o seu cuarto de século

O Parador Castelo de Monterrei será escenario o 29 de xuño ás 21:30h. dunha gala para conmemorar este aniversario

 

Botella de tinto da D.O. Monterrei./ Foto: Carlos G. Hervella.

Con adegueiros, viticultores e profesionais do sector celebrará a Denominación de Orixe Monterrei os seus vintecinco anos na noite 29 de xuño. Será nunha gala que se desenvolverá no Parador Castelo de Monterrei, monumento que se ten convertido na imaxe desta denominación.

A gala estará conducida pola presentadora lucense Silvia Jato, e servirá para render homenaxe a aqueles que fixeron posible que a Denominación de Orixe arrincara e que levan traballando a prol dos viños de Monterrei ao longo deste cuarto de século de historia.

Por iso o Consello Regulador que preside Lara Da Silva Rodriguez tamén quere render unha homenaxe a tres persoas do sector vitivinícola de Monterrei, un viticultor, un adegueiro e un catador que representan o conxunto do sector que leva traballando desde o comezo para a posta en valor do viño de Monterrei.

O evento pretende servir, ademais, “para facer memoria do traballo realizado ao longo destes anos para, desde a orixe, encarar con máis forza o futuro dunha D.O nova, a última das galegas en data de creación, pero con máis de dous mil anos de historia vitivinícola ás súas costas”, tal e como se destaca dende o seu consello regulador.

A Denominación de Orixe Monterrei suma 26 adegas, 426 viticultores e 566 hectáreas onde se producen viños brancos e tintos que ao longo destes anos veñen de acadar un gran número de recoñecementos en catas e concursos nacionais e internacionais.

 

Artigos relacionados

Back to top button