EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Monterrei presenta en Santiago os viños da colleita 2014

Este acto enmárcase nunha iniciativa de promoción desta denominación ourensá por varias cidades
A presidenta do CRDO Monterrei, intervindo na presentación en Santiago.
A presidenta do CRDO Monterrei, intervindo na presentación en Santiago.

Singularidade e tradición. Son dous referentes dos viños de Monterrei que se poñían de relieve na presentación da colleita 2014 que esta denominación de orixe ourensá realizaba na mañá do 14 de xullo na sede de Campus Stellae, na compostelá praza da Quintana. No acto, que reunía a profesionais do sector, participaban 34 marcas de 18 adegas desta zona vitivinícola.

A dirección da cata corría a cargo do sumiller Luis Paadín, quen estivo acompañado pola presidente do CRDO Monterrei, Asunción Rodríguez, que explicaba que esta xornada forma parte dunha iniciativa de promoción itinerante dos viños desta denominación que percorrerá varias cidades. Así, a seguinte acción será en Madrid. Ademais poñía en valor, como mostra dos éxitos dos viños de Monterrei, o feito de que trece marcas desta denominación (tanto de carácter colleiteiro como industrial) teñan sido distinguidas entre 2007 e 2015 como mellor viño branco ou tinto de Galicia.

Pola súa banda, Luis Paadín aludía ao carácter diferenciado das elaboracións de Monterrei en relación ás doutras denominacións de orixe galegas. Aínda que “de características atlánticas” o microclima da zona (con máis calor que noutras áreas) marca os viños e fainos singulares, apuntaba. “Son uns viños moi divertidos e moi variados, moi diferentes uns doutros”.

Brinde con viño de Monterrei durante a presentación.
Brinde con viño de Monterrei durante a presentación.

No acto, que estivo apadriñado polo actor Rubén Riós, tamén se contaba coa presenza do director-xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, e do secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto.

A maiores desta xornada, dirixida ao público especializado, a D.O. Monterrei organizará os días 15 e 16 de xullo, tamén na praza da Quintana de Santiago, o Túnel do Viño, no que os asistentes poderán degustar as mostras seleccionadas polas distintas adegas e dispor de todo tipo de información sobre as mesmas.

Artigos relacionados

Back to top button