EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Monterrei promociona os seus viños en Santiago de Compostela

A última actividade promocional da Denominación de Orixe Monterrei, celebrada en Santiago de Compostela o venres 30 de xullo, congregaba a máis de sesenta profesionais. Nela cumpríanse todas as medidas hixiénico-sanitarias esixidas.

O evento contaba coa participación de representantes do sector da distribución, como Dysbodesa ou Moure; e da hostalería, da man de catadoras e responsables de establecementos como Bodeguilla Santa Marta, Viñoteca O Carro, O Ferro, Hotel Bonaval ou Costa Vella, entre outros. Todos eles recibiron información sobre as características de chan e clima, variedades de uva, tipoloxías de viño ou importancia da viticultura na historia e economía da zona.

Así mesmo, os participantes nesta iniciativa da D.O. Monterrei puideron degustar os tintos e brancos das seguintes adegas: Ladairo, Pazos del Rey, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Antonio Da Silva Pereira (Viños Lara), José Luis Gómez Ibáñez, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Terrae Monterrei, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Abeledos, Pazo de Valdeconde, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) e Manuel Vázquez Losada.

Esta iniciativa atópase dentro do ciclo de accións promocionais realizadas pola denominación para este ano, e que xa permitiu que os viños de Monterrei viaxasen a Santander, Madrid, Alacante, A Coruña ou Lugo, entre outras cidades do país.

“Este ano máis que nunca sabiamos que Santiago de Compostela sería unha parada obrigatoria. É unha cidade que sempre nos tratou ben, como así foi, e desde logo sabiamos, que, se as circunstancias nolo permitían, non iamos desaproveitar a oportunidade do Ano Santo, e as sinerxias que se podían crear”, recoñece a presidenta do C. R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva.

“Hoxe máis que nunca o viño é turismo, e as comarcas vitivinícolas como o é Monterrei, debemos ser capaces de transmitir non só a calidade do noso produto, senón tamén os motivos que nos fan diferentes e a historia que nos fixo tal e como somos. Todo iso, é a verdadeira riqueza de Monterrei: a calidade e a terra que foi a entrada da viticultura en Galicia. Porque non vendemos historia, somos historia”, conclúe a presidenta.

Artigos relacionados

Back to top button