EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Monterrei solidarízase coa canle HORECA

O sector da hostalería e restauración "está intimamente ligado ao noso viño, á nosa insignia como enocomarca, pero tamén á agricultura, á gandería, en xeral a todo o sector primario e por suposto tamén ao sector turístico”, asegura a presidenta do seu consello regulador

 

Desde a Denominación de Orixe Monterrei vén de amosarse o seu “o total apoio ao canle HORECA, tras as medidas aplicadas en Galicia, para o control do Covid-19, que levan consigo novas limitacións para este sector, obrigando ao peche da actividade” e permitindo só a recollida no local para consumo fose do mesmo ou a entrega a domicilio.

“Como ao longo destes meses de pandemia, a Denominación de Orixe Monterrei, non pode senón sumarse e solidarizarse publicamente coa difícil situación que vive a canle HORECA, en especial coa difícil situación que atravesan os nosos veciños e compañeiros de viaxe durante moitos anos”, destaca a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Lara Da Silva.

Indica, ademais, que “o sector da hostalería e restauración está intimamente ligado ao noso viño, á nosa insignia como enocomarca, pero tamén á agricultura, á gandería, en xeral a todo o sector primario e por suposto tamén ao sector turístico”. Por este motivo, apela “á responsabilidade individual para axudar entre todos a paliar os efectos deste virus, a non criminalizar sectores, e a solidarizarnos coa hostalería e restauración local”.

Da Silva tamén asegura que “agora debemos unirnos e axudar a un sector do que dependen moitos outros, por iso valoramos moi positivamente as axudas ofrecidas desde o Concello de Verín e a Xunta de Galicia, agora ben, debemos esperar a ver o alcance das mesmas e se os nosos hostaleiros son capaces de resistir este novo peche”.

A presidenta do CRDO Monterrei tamén anima “ao consumidor a que se dirixa á restauración e hostalería para demandar comida e bebida co obxecto de consumila nos seus domicilios”.

Artigos relacionados

Back to top button