EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeira Sacra ampliará a súa delimitación xeográfica a novas parroquias nos municipios da Teixeira, Sober e O Saviñao

O DOG vén de publicar a decisión favorable de modificar o prego de condicións desta denominación de orixe vitivinícola

 

Na xornada do 30 de outubro o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da Denominación de Orixe protexida Ribeira Sacra. Despois de que os cambios fosen presentados publicamente en xullo e non se teñan recibido notificacións en contra, procédese a facelos efectivos.

Neste prego, que é a guía pola que se rexe o funcionamento da DO, “actualízanse as normas para adaptalas aos gustos dos consumidor, ás novas tecnoloxías enolóxicas existentes e ao dinamismo do territorio e dos produtores, pero sen perder a esencia do viño producido secularmente no vales dos ríos Miño e Sil”, segundo a Consellería do Medio Rural.

Entre as novidades mais salientables figuran as novas denominacións de viños de garda e barrica, así como a posibilidade de producir rosados amparados por esta denominación de orixe. Regúlanse ademais os depósitos e tempos mínimo autorizados para a crianza dos caldos amparados, contemplando materiais como a madeira ou o formigón. Desde o consello regulador consideran que estes novos viños e elaboracións poden ampliar os horizontes comerciais para os viños da Ribeira Sacra. Así, agora poderanse comercializar viños coa mención “garda”, para que tamén se distingan no mercado. Trátase de pór en valor elaboracións que se levan a cabo en recipientes de madeira que pola capacidade non entrarían na denominación “barrica” e tamén o uso de depósitos de cemento ou outros materiais. Este tipo de elaboracións véñense realizando desde hai uns 15 anos e son prácticas similares ás que se empregaban outrora, cando aínda non chegara o aceiro ás adegas.

Así mesmo, aproveitouse para modificar os requisitos para os viños que levan a mención “súmmun”. Só será preciso que estean elaborados cun 85% de uva das variedades consideradas principais, sen obrigar a que a mencía represente o 60% do total, como ata o de agora.

No que se refire a castes autóctonas a tempranillo pasa a ter a categoría de autorizada e engádense as castes de uva branca branco lexítimo e caíño branco. O branco lexítimo vai a aportar o seu carácter terpénico e o caíño branco enriquecerá en matices as elaboracións. No caso das tintas incorpóranse tres: gran negro, caíño longo e caíño bravo.

Máis territorio

No que se refire a zona amparada por esta DO mantéñense practicamente inalteradas as zonas de produción e elaboración autorizadas agás algúns pequenos núcleos como o de Fontao, na Teixeira, e Fión, no Saviñao, nas que historicamente se vén cultivando viñedo. No que se refire á elaboración de viño, amplíase a zona ás parroquias de Gundivós (municipio de Sober) e Boazo (municipio da Teixeira). Estes cambios débense a axustes na delimitación territorial das parroquias xa existentes.

No novo prego faise unha revisión dos parámetros organolépticos para as catas permitindo unha gama mais ampla de rexistros olfacto gustativos que reflictan a variedade que se dá nunha zona vitícola tan ampla.

Por outra banda, no que se refire aos rendementos, inclúese un pequeno axuste técnico permitindo obter 69 litros a partir de 100 kg de uva, fronte aos 67 anteriores, que son parámetros que permiten obter viños da calidade coas moderna técnicas de prensado.

Artigos relacionados

Back to top button