EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeira Sacra inicia a campaña de vendima

Está previsto que a Adega Ronsel do Sil inicie a recollida da uva mañá mércores

Racimo dun viñedo na D.O. Ribeira Sacra./ Foto: CRDO Ribeira Sacra.

 

Salvo cambios de última hora, a vendima iniciarase na Denominación de Orixe Ribeira Sacra mañá 26 de agosto. A adega Ronsel do Sil (en Parada de Sil) da zubzona Ribeiras do Sil vén de comunicarlle ao Consello Regulador desta denominación o inicio dos traballos de recollida de uva de variedades puntuais en determinadas parcelas. Entre tanto, técnicos do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, realizan os controis de maduración que axudarán a fixar unha data oficial para o inicio xeneralizado da vendima nesta Denominación.

“Os controis de maduración realízanse sempre nas mesmas parcelas, representativas das cinco subzonas e con uvas de distintas variedades. Cos resultados, o departamento técnico do Consello elaborará un informe que presentará a pleno para que se fixe a data oficial recomendada para o inicio da vendima; que o ano pasado foi o 19 de setembro despois de que a vendima na D.O. comenzara o 28 de agosto por parte doutra adega de Amandi, Adega Damm S.L. A vendima do 2019 terminaríase convertendo na máis abondosa da historia con 7.262.831 quilos recolleitos”, tal e como explica o CRDO Ribeira Sacra.

Nesta vendima viticultores e adegueiros enfróntanse ademais ao reto da recollida de uva garantindo a seguridade fronte ao Covid. Segundo adianta o consello regulador, “o estado sanitario das uvas promete ser óptimo, aínda que se prevé que non sexa unha vendima tan abundante como a anterior, podendo este ano non chegar aos 6 millóns de quilos de uva ao darse algunhas enfermidades puntuais nas viñas”.

Artigos relacionados

Back to top button