EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeira Sacra lanza a campaña “Ribeira Sacra, o viño deste Nadal”

Presentación da nova campaña da D.O. Ribeira Sacra./ Foto: CRDO Ribeira Sacra.

 

A D.O. Ribeira Sacra desenvolverá en decembro e xaneiro a campaña “Ribeira Sacra, o viño deste Nadal”. A iniciativa era presentada esta tarde na sede do consello regulador desta denominación de orixe, por parte do presidente, José Manuel Rodríguez, e do representante da comisión de promoción da D.O., Víctor Manuel Rodríguez.

Despois dun ano tan difícil e no que o sector vitivinícola tamén se viu afectado, desde a D.O. Ribeira Sacra queren mellorar resultados cun importante esforzo promocional neste Nadal. “Buscamos que a xente brinde con viño da D.O. Ribeira Sacra nas reunión familiares, pode ser un bo momento para dar saída ao viño que este ano non se vendeu, principalmente polas restricións á restauración e hostalería. Queremos mellorar as vendas e para iso tentaremos chegar á xente con diferentes propostas nos medios e nas redes sociais”, indica o presidente da D.O. Ribeira Sacra.

A iniciativa inclúe a organización de catas virtuais impartidas por Mercedes González Rodríguez que se desenvolverán por streamig (Zoom, Youtube, Facebook, Instagram) os xoves 10 e 17 de decembro a partir das 19 horas.

Para estas catas cataranse 41 referencias de 20 adegas. Nestes dous días de decembro catarase unha representación de todas as adegas participantes e en xaneiro faranse dúas novas catas co resto de referencias.
Previo a cada cata, informarase de cales son os viños participantes para que as persoas interesadas poidan adquirilos en adega, tendas especializadas, supermercados ou a través de internet. Os vídeos desas catas en directo quedarán despois colgados nas diferentes redes.

Por outra banda, dende o 1 de decembro está en marcha en facebook o concurso de fotografía “De que che gusta acompañar o teu Ribeira Sacra?”, que se prolongará ata o 15 de decembro. Durante a primeira quincena de mes a D.O. Ribeira Sacra quere coñecer de que lle gusta acompañar os seu viños ao consumidor, unha comida especial, unha persona, unha película, unha paisaxe, un lugar, unha afección,…

As fotografías, que se enviarán por Whatsapp ao teléfono 647 59 57 47, deben incluír, como único requisito, unha botella dun viño da D.O. Ribeira Sacra e o acompañamento preferido para ese viño. As 3 fotos que máis “Gústame” reciban en Facebook obterán premios vinculados ao viño e ao enoturismo. O mércores, 16 de decembro, publicaranse os gañadores.

A campaña inclúe, asemade, vídeos de brinde de felicitación das adegas para amosar a unidade do sector e confianza nun futuro mellor nestas datas tan significativas. “Nos momentos nos que estamos, queremos trasladar unha imaxe de unión, de compartir traballo, esforzos e esperanza. Cando a cercanía parece prohibida, faise fundamental xerar confianza e cercanía e a forma que escollemos, é poñerlle cara ás adegas,” destacaba José Manuel Rodríguez. O obxectivo é ter presencia dos viños da D.O. en redes sociais durante todo decembro e ata pasado o Nadal.

Ademais, para reforzar a mensaxe, Que Ribeira Sacra sexa o viño deste Nadal, ademais da presenza en redes, será fundamental tamén a presenza nos medios tanto a nivel informativo como publicitario. Será a primeira vez que os viños da D.O. Ribeira Sacra teñan presencia como spot en televisión, neste caso cun spot no que afondar na confianza que xera o consumo de viño da D.O. Ribeira Sacra.

“Un viño que nace do esforzo e da paixón pola viña e que nos acompaña nos mellores momentos. Que este Nadal sigamos disfrutando de cousas boas, da familia e dos amigos máis achegados. Que atendamos ao noso padal que tamén é do máis cercano e que cunhas boas viandas e bos viños, nos traslademos aos mellores momentos da nosa vida”, desexaba José Manuel Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button