EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeiro aproba un aumento dun 25% nos rendementos por hectárea nesta vendima

Ademais esta denominación esixirá a todos os viticultores "a actualización do seu rexistro de viñas como requisito imprescindible para poder entregar uvas nesta campaña"

Imaxe de vendima na D.O. Ribeiro./ Foto: CRDO Ribeiro.

No pleno celebrado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro neste 22 de agosto vén de acordarse un incremeto dun 25% no rendemento de quilos de uva por hectárea para esta vendima do 2019 “como medida de adaptación á realidade dunha colleita que se presenta como excepcional”, tal e como se informa dende este órgano réctor.

“Esta decisión está baseada en informes técnicos do departamento de control do Consello Regulador así como nos datos derivados das inspeccións de estimación de rendementos que técnicos deste organismo están realizando dende os primeiros días do mes de agosto. Cos datos obtidos en tales inspeccións prevese unha colleita excepcional na maioría das variedades”, aseguran dende a D.O. Ribeiro.

Nesta sesión tamén se aprobaba o establecemento do 31 de agosto como data de peche definitivo do seu Rexistro Vitícola ata que finalice a vendima deste ano, acordando os vogais do pleno unha “medida excepcional sen precedentes no Ribeiro, que é esixir a todos os viticultores da D.O. a actualización do seu rexistro de viñas como requisito imprescindible para poder entregar uvas nesta campaña”, segundo o consello.

Dende órgano de control sinálase que “unha vez máis, no ámbito das súas competencias, o Consello Regulador do Ribeiro toma medidas contundentes para previr calquera tipo de fraude nas declaracións de entrada de uva e fortalece os controis na totalidade dos eslabóns da cadea de produción, co fin de asegurar a certificación do seu produto”.

Nova tarxeta para os viticultores

Ao mesmo tempo, dende o CRDO Ribeiro estase a realizar a entrega dunha nova tarxeta de viticultor ás persoas que actualmente teñan viñas en produción dentro desta denominación e que teñan pasado polo consello regulador a actualizar a súa situación no rexistro. Os viticultores deberán achegarse á sede desta entidade co fin de recoller o novo modelo de tarxeta.

“É moi importante clarificar que ningún viticultor poderá entregar uva en ningunha adega da D.O. se non dispón da nova tarxeta e, consecuentemente, dos seus datos actualizados nos rexistros do consello regulador”, destacan dende esta entidade.

Fotos: CRDO Ribeiro.

 

Artigos relacionados

Back to top button