EconomíaEconomíaGalerías de fotosOurenseÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeiro entrega os seus premios, un deles recollido polo valdeorrés Manuel Cruz

Neste acto, celebrado no Mosteiro de San Clodio, tamén se daban a coñecer os premios aos mellores viños da denominación

O Mosteiro de San Clodio, en Leiro, era unha vez máis o escenario do acto de entrega dos Premios da D.O. Ribeiro na tarde do 18 de xuño ante uns 250 convidados entre os que estaban profesionais do sector, distribuidores, xornalistas e autoridades.

O presidente do Consello Regulador desta denm, Juan Manuel Casares, anunciaba que o organismo contará por fin cunha nova sede, tras lograr un acordo coa Xunta. “Unha vez recibido o plácet da Xunta de Galicia, nos vindeiros días asinaremos un novo acordo de cesión das instalacións para a nova sede por 35 anos. Unha vez asinado, un proxecto pagado integramente con fondos propios do Consello, dotaranos dun local á altura da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia”, apuntou Casares.

Ademais reivindicaba o papel do Consello Regulador como “axente vertebrador e de cohesión do territorio. Xestionamos calidade, xestionamos promoción pero tamén xestionamos a vida das persoas porque xeramos oportunidades para o desenvolvemento dunha comarca esencialmente vitivinícola”. E animaba a todos os eslabóns da cadea de valor do viño na comarca do Ribeiro a traballar xuntos para impulsar esta comarca vitivinícola. “Somos Miño, Arnoia, Avia; somos adegas, cooperativas, colleiteiros, viticultores. En resumo, somos bacelos da
mesma cepa de treixadura e a nosa misión é colocala onde lle pertence por dereito; por historia e por caste”, destacou Juan Manuel Casares.

 

Os mellores viños

No decurso da gala, presentada polos actores Xosé A. Touriñán e Ledicia Sola, desvelábanse ademais os galardóns para viños, designados nunha cata cega por un panel de expertos.

PAZO DO MAR EXPRESIÓN 2018, de Pazo do Mar é o “MELLOR VIÑO BRANCO DE ADEGA”, sendo os finalistas Pazo Tizón 2018 (Pazo Tizón); Alter 2018 (Priorato de Razamonde); Catro Parroquias 2018 (Loeda); Farnadas 2018 (Pazo de Vieite); e Antonio Montero Autor 2018 (Vinos Antonio Montero).

O galardón ao “MELLOR VIÑO BRANCO DE COLLEITEIRO” recaeu en FINCA TEIRA 2018, de Manuel Formigo de la Fuente, acompañado como finalistas por Libro 2018 (Antonio Cajide Gulín); Casal de Paula 2018 (Emilio Docampo Diéguez); Mal raio te parta 2018 (Javier Estévez Abeledo); Manuel Rojo 2018 (Adega Manuel Rojo); e Lagar do Merés 2018 (José Meréns Martínez).

O “MELLOR VIÑO TINTO DE ADEGA” é ALBERTE 2018, de Bodegas Nairoa. Pola súa parte, Alter 2018 (Priorato de Razamonde); Viña do Campo Mencía 2018 (Docampo); Preto de Leive 2017 (Leive Ecoadega); Divino Rei 2018 (Castro Rei); e O Cotarelo 2018 (Benigno Ríos Mosquera) foron finalistas.

E, o “MELLOR VIÑO TINTO DE COLLEITEIRO” é MÓNICA ALBOR MENCÍA 2018, de Mónica Albor López. Ademais, Elisa Collarte 2018 (Elisa Collarte Bernárdez); Verbas 1917 2017 (Eva Bermúdez Pulleiro); Viña Carpazal 2018 (José Antonio Rodríguez Fernández); Celme do Souto 2017 (Adegas Celme); e Manuel Rojo 2017 (Adega Manuel Rojo) tamén chegaron á cata final.

O xornalista Manuel Cruz recollía o premio á “mellor tarefa de comunicación”

Durante a gala tamén se entregaron os galardóns honoríficos do Consello Regulador. O presidente de PARADORES, Óscar López, agradeceu o “Premio de Honra” e o premio “á mellor tarefa de Comunicación” aos PROGRAMAS DA TELEVISIÓN DE GALICIA LABRANZA E O AGRO recibíao o seu director, o xornalista barquense Manuel Cruz. Neste galardón a D.O. Ribeiro salientaba o “esforzo do seu equipo e do conxunto da CRTVG por informares tanto as novidades como da situación global do mundo agro alimentario, nunha traxectoria que
supera xa os 27 anos e os 1.500 programas.

 

MARÍA ISABEL MIJARES foi o Premio “Muller e Viño” 2019 polo seu traballo senlleiro durante décadas en campos como a calidad, a xestión, a formación ou a difusión da viticultura e EMILIO ROJO BANGUESES recolleu o “Vida entre Vides”.

Na cerimonia tamén foron premiados tres establecementos. LA SUCURSAL (Lugo) recibiu o galardón a “Mellor tenda especializada – viñoteca”; LA MOLINERA (Lalín), o de “Mellor servizo de viño en restaurante”; e a TABERNA A CURVA (Portonovo) foi distinguida como “Mellor taberna – Bar de viños”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button