EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeiro inicia un estudo de custos de produción de uva no seu territorio

O traballo contemplará todas as tipoloxías de explotacións vitícolas que conviven no territorio do Ribeiro facendo, para cada unha delas, un cálculo estimado dos gastos de funcionamento e produción, segundo adianta o consello regulador

 

Nos vindeiros meses a Denominación de Orixe Ribeiro contará cun estudo dos custos de produción de uva no territorio que ampara. Este traballo realízase ao abeiro do “Estudio socioeconómico e Estratéxico do Ribeiro” (presentado o pasado 8 de febreiro na Arnoia e financiado integramente pola Deputación Provincial de Ourense cun orzamento de 41.500 euros) cuxa finalidade é “deseñar unha estratexia propia para a dinamización socioeconómica do territorio ribeirán e foi elaborada por unha equipa de doce expertos pertencentes ás tres universidades galegas”, tal e como se indica dende esta D.O., que presidente Juan Manuel Casares.

Este estudo de custos vén dar resposta a unha das reivindicacións históricas dos viticultores da zona. Está dirixido por Andrés Mazaira Castro, doutor en Administración e dirección de empresas e profesor no Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo, e por Edelmiro López Iglesias, doutor en Ciencias Económicas e profesor titular no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.

Con este traballo a D.O. Ribeiro pretende dotarse dunha ferramenta que lle permitirá “coñecer polo miúdo o que está a acontecer no tecido económico e social do seu territorio coa finalidade de afrontar o seu futuro con garantías. Ao mesmo tempo as conclusións servirán como instrumento de análise e diagnose axeitada para a toma de decisións, por parte das empresas, no que atinxe a materias como a rendibilidade das explotacións, os prezos de uva e os contratos de compra e venda da mesma.

Por tal motivo o traballo contemplará todas as tipoloxías de explotacións vitícolas que conviven no territorio do Ribeiro facendo, para cada unha delas, un cálculo estimado dos gastos de funcionamento e produción”, segundo destaca o seu consello regulador.

O seu presidente, Juan M. Casares, adianta tamén que este estudo completarase nos vindeiros meses con outros compromisos como a convocatoria dunha Mesa de diálogo permanente entre adegas e viticultores; un foro que os achegue moito máis como actores principais que son na cadea de valor do viño. Así mesmo, e cando as condicións o permitan, ten pensado convocar unha “Mesa polo Ribeiro”, na que estean representados todos as administracións e axentes sociais co gallo de que “todos os nosos esforzos se encamiñen a que o Ribeiro sexa, outra vez, o gran viño de Galicia e un escaparate da provincia de Ourense no mundo.”

Todas estas medidas, continúa o CRDO Ribeiro, “xunto coas achegas e axudas das distintas administracións competentes, colocarán de novo ao Ribeiro no lugar que lle corresponde e favorecer a economía dunha comarca cuxo motor económico é o viño, O Ribeiro é unha enocomarca porque o viño é o seu motor económico. Son 108 adegas con máis de 200 empregos directos; son case 1.700 viticultores que dependen total ou parcialmente dos ingresos da viticultura; son persoas, son familias e son capitais arriscados en proxectos de vida. Pero tamén é o comercio das vilas, o mantemento dos servizos básicos e a industria auxiliar ligada a ela. Por esta razón, do que nós fagamos dependerá en gran medida o futuro deste territorio histórico, senlleiro e ancestral”.

Imaxe cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button