EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeiro outorga o “Premio Muller e Viño” á sumiller Esther Daporta

Ademais será distinguido no apartado de "mellor labor de comunicación" Francisco Gil

A sumiller Esther Daporta./ Foto cedida.

 

Seguen desvelándose os nomes de galardoados nos Premios da D.O. Ribeiro 2020. Así, o Consello Regulador desta Denominación de Orixe vén de anunciar que se lle outorga a Esther Daporta o “Premio Muller e Viño” e ao xornalista Francisco Gil, do programa Cousas de Comer, o “Premio ao Mellor Labor de Comunicación”, na novena edición dos seus galardóns.

Esther Daporta, sumiller do restaurante Yayo Daporta dende 2005, é unha espelida profesional “que gusta de seguir aprendendo percorrendo adegas e restaurantes de toda Europa, para dar deste xeito o mellor servizo aos clientes dun restaurante que é parada obrigatoria en Cambados, recoñecido cunha estrela Michelin ou dous soles Repsol”, tal e como indica o CRDO Ribeiro.

Pola súa banda, Francisco Gil, que dirixe o programa “Cousas de Comer”, recibirá o galardón ao mellor labor en comunicación. Dende a súa chegada no 2008 informa semanalmente da actualidade enogastronómica galega e do norte de Portugal, a través de canles como Televigo; e “ofrece reportaxes que poñen o foco nos produtores e restauradores. O programa Cousas de Comer é o decano dos programas gastronómicos de televisión. Leva en pantalla 672 semanas (contando co programa de onte, 8 de decembro)”. Dende o C.R.D.O. Ribeiro queren salientar especialmente a súa atención aos viticultores e adegueiros desta denominación.

 

O xornalista Francisco Gil./ Foto cedida.

 

Os Premios da D.O. Ribeiro celebraranse o venres 18 de decembro, ás 10.30 horas, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, no que suporá un grande antecedente para o Nadal. Será unha gala distinta e híbrida, con asistencia limitada ao recinto pero aberta a todos os amigos da Denominación máis antiga de Galicia a través das súas canles de comunicación.

O día 18 recoñecerase tamén aos mellores viños brancos e tintos na cata oficial, de adega e de colleiteiro. Ademais de Francisco Gil e Esther Daporta, na gala recibirá unha homenaxe o catador e profesor Luís L. Paadín como “Persoeiro de Honra” 2020. Tamén se entregarán os premios ao “Mellor servizo de viño en restaurante” ao Restaurante Asador Los Abetos, de Nigrán; á “Mellor tenda de viños-viñoteca”, a Valladares, en Santiago; e ao “Mellor bar de viños-taberna” a Derby, en Vilagarcía. Pola súa banda, o “Vida entre Vides” recoñecerá a traxectoria dun profesional do Ribeiro.

Artigos relacionados

Back to top button