EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras aposta polo mercado madrileño e andaluz

Tanto a capital española como Málaga acollerán actos promocionais dos viños desta denominación de orixe
Imaxe dun dos godellos de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

No vindeiro mes de novembro os viños da Denominación de Orixe Valdeorras serán os protagonistas de diversos actos promocionais na Costa do Sol e en Madrid. En concreto, a cidade de Malaga acollerá o sábado 19 de novembro unha presentación de brancos e tintos do noso territorio amparado, que será complementada coa celebración dunha cata comentada e un xantar maridado. Este evento, que se celebrará nun restaurante local agarda contar coa presenza de máis de 40 profesionais.

Ao día seguinte, na xornada do domingo 20 de novembro, promoverase cadansúa sesión informativa sobre viños valdeorreses en dúas escolas de hostalaría de Málaga. Cada unha destas escolas acollerá, igualmente, unha cata comentada de produto.

“Fomentar o coñecemento dos nosos viños no sur de España, onde existe quizais menos distribución do noso produto, era unha materia pendente da nosa D.O. dende hai tempo”, indica García Pando. Por iso, considera que estas accións promocionais van axudar a que “se eleve o grao de coñecemento dos nosos viños en Andalucía”.

Por outra banda, a D.O. Valdeorras celebrará tamén o día 12 de novembro Madrid acollerá un showroom de viños valdeorreses, no que participarán 20 adegas da comarca. Terá lugar no centro comercial ABC Serrano, entre as 15.30 e as 20.30h. do vindeiro 12 de novembro, e dirixirase principalmente a potenciais consumidores finais.

Estas accións promocionais aprobábanse no pleno que o CRDO Valdeorras celebraba este 24 de outubro. Nesta mesma sesión tamén se acordaba que  Valdeorras volva ter presenza no feira London Wine Fair, que se celebra na capital británica en maio de 2019. Nese mesmo mes de maio, tamén haberá unha representación de viños valdeorreses na feira Vinexpo de Burdeos, unha das máis relevantes de Europa.

Artigos relacionados

Back to top button