En portadaGalerías de fotosÚltima hora

“A D.O. Valdeorras necesita crecer, pero crecer con xeito”

O presidente desta denominación de orixe abría con esta mensaxe en Viloira (O Barco) o acto inaugural da XXII Feira do Viño valdeorresa, que contaba coa presenza do conselleiro do Medio Rural, entre outras autoridades

Do 13 ao 14 de xullo a praza de Viloira (O Barco) será a capital do sector do viño da comarca. Nela inaugurábase no mediodía deste sábado a XXII Feira do Viño de Valdeorras, coa participación dun total de 21 adegas amparadas por esta denominación de orixe.

Neste acto, que se iniciaba coa intervención do presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García Pando, contábase coa presenza de numerosas autoridades, entre elas o conselleiro de Medio Rural, o subdelegado do Goberno na provincia, o vicepresidente da Deputación e o alcalde do Barco.

“En Valdeorras estamos crecendo, necesitamos crecer en produción, en número de hectáreas plantadas. Só no último ano medramos nun 10% con novas plantacións, sobre todo de godello, e temos capacidade de colocar no mercado ata un 50% máis de viño de Valdeorras”, aseguraba García Pando, “pero tamén sabemos que temos que crecer con xeito, os consellos reguladores necesitamos ter instrumentos legais que nos permitan regularizar ese crecemento para intentar que sexa acorde coa capacidade comercializadora e acorde cun mantemento de prezos no mercado. Crecer en produción é importante, pero máis importante é que medre a facturación total do sector e que esta deixe marxe empresarial óptimo tanto para os viticultores como para os adegueiros”.

 

O presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais convidaba ao público a desfrutar dos diversos viños valdeorreses que poden catarse no recinto feiral, destacando a calidade tanto en brancos, coa referencia ineludible á variedade godello, como en tintos cunha gran diversidade de perfís diferentes.

O presidente da D.O. Valdeorras tamén agradecía a colaboración do Concello do Barco na montaxe e organización da feira, así como o respaldo económico da Deputación de Ourense nos últimos tres anos en diversas accións promocionais, “colaboración que agora mesmo está parada, esperemos que unha vez xa constituído o novo pleno poidamos retomar unha colaboración que nos servía para patrocinar moitas actividades pequenas en Valdeorras”. Agradecemento tamén da D.O. para a Consellería do Medio Rural e, de maneira especial, aos adegueiros “pola súa implicación na promoción conxunta que facemos dende o consello regulador”.

 

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Armando Ojea./ Foto: Carlos G. Hervella.

Deseguido tomaba a palabra o vicepresidente da Deputación de Ourense, Armando Ojea, para quen esta feira era o seu primeiro acto oficial no cargo. Recollía o guante lanzado por García Pando e amosáballe o seu apoio para que continúe a liña de colaboración económica co consello. Despois poñía en valor o peso que ten o sector vitivinícola para a provincia.

Do mesmo xeito se manifestaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, quen felicitaba ao CRDO Valdeorras polo labor desenvolvido e destacaba a importancia socioeconómica do viño para a provincia, xa que significa “unha oportunidade para moita xente” e permite “fixar poboación no rural”.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Na “aposta decidida dos viños de Valdeorras pola calidade” incidía no seu discurso o alcalde do Barco, Alfredo García, mentres que o conselleiro do Medio Rural, José González, pechaba o turno de intervencións resaltando que o “viño de Valdeorras está espectacular, xunto co das outras catro denominacións de orixe galegas”. O conselleiro referíase ao futuro plan de dinamización das comarcas vitivinícolas “no que están traballando varios departamentos da Xunta como mecanismo imprescindible para construír o futuro do viño galego entre todos”.

 

O conselleiro do Medio Rural, José González./ Foto: Carlos G. Hervella.

Neste sentido, destacou o traballo conxunto que levan a cabo as consellerías de “Cultura e Turismo, de Economía, Emprego e Industria e do Medio Rural para impulsar unha proposta integral, consensuada e coordinada na elaboración desta estratexia”.

A partir de aí soaba a música da charanga Achicoria de Xinzo de Limia e o público comezaba a percorrer as casetas das adegas para probar os seus viños. Tras unha paréntese para o xantar, a mostra reabrirá ao público a partires das 19:30h. e ata as 23h. A partir desa hora poderá asistirse no mesmo recinto ao concerto do grupo Fillos do Estramonio.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button