EconomíaEconomíaSen categorizarÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras pedirá axudas para os viticultores afectados por diferentes pragas

Así se acordaba no último pleno do seu consello regulador no que tamén se ultimaban os traballos preparatorios para a vindeira campaña de vendima
Labores de vendima na D.O. Valdeorras.

Na sesión plenaria que o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras celebraba na mañá do 28 de agosto acordábase por unanimidade solicitar axudas á Consellería do Medio Rural para aqueles viticultores cuxa produción se vira afectada por diferentes pragas e doenzas fitosanitarias e que poidan demostrar “unha diminución no número de quilos recollidos respecto á media obtida nos tres anos anteriores”, segundo indicaba ao termo do pleno o seu presidente, José Luis García Pando.

Ademais comentaba que o consello regulador valdeorrés aprobaba, tamén por unanimidade, dar comezo aos traballos preparatorios para a campaña de vendima 2018, que se iniciará nos vindeiros días na comarca. Neste sentido, o Pleno acordou contratar os vedores para a vendima a través da empresa Ader, unha firma de traballo temporal coa que xa se colaborou o ano pasado.

Finalmente, como en anos anteriores, o pleno do Consello Regulador aprobou paralizar as verificacións de aptitude das partidas de viños. É dicir, para non interferir coa vendima, paralízase entre o 12 de setembro e o 17 de outubro o traballo ordinario de catas que se vén desenvolvendo periodicamente nas instalacións do consello.

Polo tanto, as adegas interesadas teñen agora 15 días por diante para poder verificar a aptitude das súas partidas antes de que se paralicen temporalmente as catas.

 

Pleno do consello regulador valdeorrés celebrado o 28 de agosto./ Foto: CRDO Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button