CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A D.O. Valdeorras, principal patrocinador do SilFest

O programa da cuarta edición deste festival, que se celebrará do 4 ao 6 de xullo no Barco, presentábase na mañá do 7 de xuño á beira do río Sil

Diferentes estilos, grupos de renome nos circuítos de festivais e outros emerxentes, bandas locais… A música será o referente principal da cuarta edición do SilFest Valdeorras, pero non o único. Este festival, que se celebrará do 4 ao 6 de xullo á beira do río Sil no Barco, inclúe tamén poesía, actividades ligadas ao viño, cociña, cine e mesmo propostas lúdicas.

“Queremos situar ao Barco no mapa festivaleiro”, dicía Jorge Álvarez, un dos directores do festival xunto a José Carlos Vilor e Aida Estévez, que presentaban ante os medios de comunicación esta edición do certame na mañá do 4 de xuño, acompañados polo tenente de alcalde do Barco Aurentino Alonso, as concelleiras de Cultura e Turismo, Margarida Pizcueta e Irene Dacal, respectivamente; e polo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García.

Á variedade de estilos e grupos que poderán verse no Barco referíase Aida Estévez: dende música tradicional da man grupo trivés As Macizas Centrais, pasando polo pop rock e ata country. O cabeza de cartel será Second, pero tamén actuarán Shinova, Amatria, Smile, Igloo, Andhrea & The Black Cats, The Dawlins, The Morgans, Airline, Kings of the Beach… Haberá tamén un apartado dedicado os máis pequenos denominado Mini-SilFest con actuación como a do Mago Teto, natural de Viana do Bolo. Haberá ademais catas de viño e maridaxes, proxeccións de cine, un mercadiño e, como novidade, un showcooking con Kike Piñeiro da Horta D’Obradoiro.

“Este é tamén un festival familiar e moi polifacético, que abrangue moitos ámbitos, hai actividades e propostas  para todo o mundo”, dicía o tenente de alcalde barquense, Aurentino Alonso, para quen esta iniciativa xa está consolidada en Galicia, “dende o Concello do Barco imos seguir colaborando con el”.

Jorge Álvarez tamén destacaba o “compromiso de moitas empresas de Valdeorras co festival, este ano temos 80 colaboradores”. O principal patrocinador será, novamente a D.O. Valdeorras. “Consideramos importante buscar sinerxías coas actividades que se fan na comarca e que poden servir como escaparate para nós, como é esta”, resaltaba o presidente do seu consello regulador, que tamén botaba “en falta que outras institucións se impliquen un pouco máis no proxecto a nivel de orzamento”.

Máis información sobre o programa e sobre a venda de entradas en:
http://www.silfestvaldeorras.com

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button