EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras reforza a súa presenza no mercado británico

O Consello Regulador desta denominación de orixe participaba novamente na London Wine Fair, na que tamén están presentes outras denominacións de orixe galegas como a D.O. Ribeira Sacra
Expositor da D.O. Valdeorras na London Wine Fair./ Foto: CRDO Valdeorras.

Os viños valdeorreses volven estar presentes, unha edición máis, na prestixiosa feira sectorial London Wine Fair, que se celebra do 20 ao 22 de maio en Londres. Un total de 14 adegas valdeorresas participan nesta mostra: Adega A Coroa S.A.T., Adega Avelina S.A.T., Adega da Pinguela S.L., Adega Melillas e Fillos S.L., Adega O Casal S.A.T, Adega Quinta da Peza S.L., Bodegas Godeval S.L., Joaquín Rebolledo S.A., Bodegas Roandi S.L., Sampayolo S.L., Santa Marta S.A.T., Guitián y Blanco S.C., Viña Valdeiga e Terriña S.L.

“Participar neste foro, un dos máis relevantes de Europa para o sector vitivinícola, permitirá aos adegueiros valdeorreses seguir fortalecendo a súa presenza no mercado británico”, asegura o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García, quen ademais resalta que “o Reino Unido é un dos mercados exteriores aos que máis viños se exporta desde Valdeorras”.

García Pando resaltaba tamén “o elevado número de visitantes” que están a recibir os stands habilitados polo Consello Regulador nos últimos actos promocionais desenvolvidos tanto no territorio do Estado español coma en foros internacionais, “sinal de que os nosos viños son cada vez máis coñecidos, unha transcendencia que engloba non só aos ben posicionados godellos, senón que se amplía cada vez máis aos tintos da zona”.

D.O. Ribeira Sacra

Por primeira vez, a D.O. Ribeira Sacra participa na London Wine Fair, “o evento de viños máis grande do Reino Unido e unha das citas internacionais máis importantes do sector, onde se dan cita máis de 14.000 viños de 32 países e conta coa asistencia de importadores e distribuidores de todo o mundo”, destacan dende o seu consello regulador.

Esta denominación estará presentes na feira a través do Túnel do Viño que se leva a cabo no pavillón de España que organiza o ICEX. Nel figuran case unha trintena de marcas de 10 adegas da Ribeira Sacra. As adegas participantes son: Adega Ponte da Boga, Adegas e Viñedos Vía Romana, Bodegas de Rectoral de Amandi, Bodegas de Santa María de Nogueira, Grupo Peago, Javier Méndez Arias, Regina Viarum, Víctor Manuel Rodríguez, Spanish Wines by Carlos Rodríguez e Tolo do Xisto.

Artigos relacionados

Back to top button