EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras reforza a súa presenza no norte de España

O consello regulador promove en Santander unha xornada promocional na que participan 18 adegas e 32 marcas de tintos e brancos desta zona produtiva
Acción promocional dos viños de Valdeorras en Santander./ Foto: CRDO Valdeorras.

Os viños valdeorreses promociónanse en terras cántabras. O Gran Casino de Santander acolle nesta xornada a iniciativa denominada Experiencia Verema, na que participan 18 adegas e 32 marcas de brancos e tintos desta denominación de orixe

“O norte de España sempre foi un mercado moi relevante en termos de penetración dos nosos viños”, destaca o presidente do Consello Regulador valdeorrés, José Luis García Pando. “Con esta iniciativa, apostamos por afianzar a nosa presenza neste ámbito xeográfico e facémolo da man de Verema, entidade que aglutina unha das comunidades de aficionados ao viño e á gastronomía mais representativas do mundo de fala hispana, con máis de 74.000 usuarios rexistrados”.

Ao longo da xornada de hoxe está previsto que se acheguen ata o Gran Casino de Santander potenciais prescritores de relevancia para os viños valdeorreses tales como xornalistas especializados, sumilleres, restauradores e chefs ou distribuidores.

Esta primeira Experiencia Verema completarase con outros tres actos de similares características que se celebrarán ao longo do ano nas cidades de Santiago de Compostela, Madrid e Barcelona. García Pando destaca que a idea última que perseguen estes eventos é  “visibilizar os nosos viños” e “situar as actividades promocionais no epicentro da acción do Consello Regulador”.

 

Artigos relacionados

Back to top button