Elabóranse tamén con uvas tintas, pero dun xeito diferente ao dos viños tintos. En Galicia non hai tradición de rosados, sen embargo o interese do mercado por este tipo de elaboracións está levando a algunhas adegas a dar o paso e a apostar por eles. E iso que ata non hai moito non estaban amparados polas denominacións de orixe.
O CRDO Ribeira Sacra cambiaba este panorama no 2018 ao incluír no seu prego de condicións este tipo de viño. Agora a D.O. Valdeorras mira nesa mesma dirección. No pleno que o seu consello regulador celebraba neste 24 de xaneiro decidíanse iniciar os trámites para recoñecer e amparar, no seu prego de condicións os rosados.
De feito en Valdeorras hai xa polo menos sete adegas están xa a elaborar este tipo de viños, aínda que fóra da D.O.. Ao iniciar os trámites para o seu recoñecemento, “o Consello Regulador dá resposta ás demandas destas adegas”, asegura o seu presidente, José Luis García Pando, que cre que “incoporar os rosados ao prego de condicións do territorio amparado enriquecerá, sen lugar a dúbidas, o catálogo de produtos vinícolas da D.O. posto que evidencia o extraordinario potencial do
territorio amparado máis alá dos godellos e mencías”.
Promoción internacional
Xunto a isto, o Pleno do Consello Regulador decidiu hoxe participar nas feiras de Prowein, que entre o 15 e o 17 de marzo se celebra na cidade alemá de Düsseldorf, e na Wine & Gourmet de Tokio, que terá lugar na capital nipona entre o 15 e o 17 de abril. O organismo tamén participará, xunto a outras
denominacións de orixe galegas, nun evento promocional conxunto promovido polo Igape en Londres (Decanter Spain & Portugal Encounter) o vindeiro 24 de febreiro.