EconomíaEconomíaGalerías de fotosSen categorizarÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras toma A Coruña

Ademais de presentar o 2 de xullo o novo caderno de viaxe do ilustrador Miguelanxo Prado dedicado a esta denominación, realizábase un showroom coa participación de 20 adegas no Hostel Finisterre

A través da arte e dos seus viños vén de desembarcar na Coruña a Denominación de Orixe Valdeorras. “Hoxe, traemos un pequeno anaco da nosa terra ata esta fermosa cidade, e facémolo, como non podía ser doutro xeito, en forma de viño, pero tamén en forma de evocación literaria e gráfica”, dicía no presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, na mañá do 2 de xullo na presentación de Valdeorras, libro que Miguelanxo Prado vén de dedicar a esta comarca. Nela tamén se contaba coa presenza da editora da obra, Gemma Sesar.

García Pando lembraba a xénese deste proxecto alá polo ano 2014 e que hoxe se convertiu nun libro “que pretende facer un percorrido por Valdeorras, de longa historia, a modo de caderno de viaxe. Seguindo os carreiros da súa especial relación co viño e descubrindo as súas cambiantes paisaxes, vilas e recantos, do fondo val aos cumios penedosos”.

 

Portada do caderno de viaxes “Valdeorras”, que vén de publicar Miguelanxo Prado.

 

Ao seu carón, o ilustrador Miguelanxo Prado confesaba que poder realizar esta obra foi para el “un agasallo”, que lle permitiu fundir tres das súas paixóns: a pintura, o viño e o descubrimento de novos lugares. “Non quixen facer un catálogo de adegas e viños porque queriamos poñer en valor a maridaxe entre a procedencia (o terroir) e o resultado final (o viño elaborado). Por iso pensei que sería moito máis efectivo realizar un caderno de viaxe”, comentaba.

Con este acto ante a prensa comezaba unha intensa xornada na Coruña que continuaba cun showroom no Hotel Finisterre, coa participación de 20 adegas da D.O. Valdeorras, e no que se podían degustar ao longo de todo o día medio cento de referencias de brancos e tintos valdeorreses. “A nosa produción vitivinícola caracterízase pola súa exquisita calidade. O bo facer (maioritariamente artesanal) dos nosos viticultores e adegueiros, que recollen o legado de xeracións enteiras adicadas á elaboración de viño, confire aos nosos brancos e tintos un valor diferencial con respecto aos viños doutras denominacións de orixe”, aseguraba o presidente da D.O. Valdeorras.

Ademais adiantaba que “ao longo do que resta de ano, imos seguir desenvolvendo accións promocionais noutras urbes españolas. Temos previsto visitar Málaga, Madrid e San Sebastián, cidades todas elas que representan mercados potenciais para os nosos viños”.

Fotos: CRDO Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button