EconomíaEconomíaÚltima hora

A delegación nipona que percorre o Camiño de Inverno chega este mércores a Valdeorras

O 30 de maio farán a terceira etapa entre Puente de Domingo Flórez e A Rúa

O grupo de xaponeses que fan o Camiño de Inverno, xa está no Bierzo. Na xornada do 28 de maio os alcaldes que forman a Asociación de Municipios do Camino de Inverno a Santiago recibían á delegación no Salón de Plenos do Concello de Ponferrada, que de seguido colaboraba na plantación de tres cerdeiras na ladeira axardinada do Castelo dos Templarios e iniciaban a primeira etapa do Camiño entre Ponferrada e Villavieja (Priaranza del Bierzo).

A segunda etapa entre Villavieja e Puente de Domingo Flórez farana mañá, martes 29 de maio. E a terceira, entre Puente de Domingo Flórez e A Rúa, achegaraos ata O Barco de Valdeorras o mércores día 30, onde serán recibidos pola concelleira de Turismo, Irene Dacal, que os acompañará durante un tramo do percorrido.

A actividade enmárcase nos actos de conmemoración do 150 aniversario do establecemento de relacións diplomáticas entre España e Japón e ao acto en Ponferrada asistiron por parte da Asociación, os alcaldes bercianos Gloria Fernández Merayo (alcaldesa de Ponferrada e presidenta do colectivo), José Manuel Blanco (Priaranza del Bierzo) e Julio Arias (Puente de Domingo Flórez; e os alcaldes galegos Alfredo García (O Barco de Valdeorras), José Luis Álvarez (Pantón), Luis López (Rodeiro), Enrique Álvarez (Vilamartín de Valdeorras) e José Tomé (Monforte de Lemos); así como os concelleiros de Cultura e Turismo de Quiroga, Chantada e O Barco de Valdeorras.

Ademais da delegación xaponesa formada por sete persoas, tamén participaron no evento representantes da embaixada de Noruega en España para compartir experiencias e avanzar na promoción do Camino de San Olaf e o Camiño Costiero.

Artigos relacionados

Back to top button