CulturaCulturaÚltima hora

A Deputación colabora nun proxecto veciñal da Veiga para recuperar patrimonio material e inmaterial

 

A Deputación de Ourense colaborará nun proxecto de recuperación do patrimonio material e inmaterial do concello da Veiga, que desenvolverá a propia veciñanza coa axuda de técnicos en investigación. O presidente provincial, Manuel Baltar, comprometeu a axuda da institución logo de escoitar os detalles do proxecto que lle foi presentado polo alcalde, Juan Anta, e a educadora social Araceli Macías, en representación das tres entidades implicadas na única proposta galega seleccionada pola Fundación La Caixa na súa convocatoria para iniciativas de acción social no medio rural.

Manuel Baltar resalta o compromiso do goberno provincial co territorio ourensán e o traballo do Concello de A Veiga. “A Deputación sempre está aberta a proxectos como este, nacidos no territorio e cunha vocación de manter a identidade e recoñecer os recursos propios”, indica.

A investigación

A investigación, que se prolongará durante un ano, consta de varias actividades. O punto de partida será a constitución dun grupo de veciños da Veiga que, acompañados por persoal técnico, realizará unha investigación sobre os recursos materiais e inmateriais do territorio que eles mesmos decidirán (contos, lendas, roteiros, etc…), recursos que unha ilustradora deixará plasmados nun mapa do municipio.

En paralelo porase en marcha unha oficina de asesoramento, que non terá un espazo físico fixo, destinado a prestar axuda a todas aquelas persoas que desexen desenvolver unha iniciativa económica ou social na Veiga. E, xa cara o remate do ano, organizarase unha actividade onde se exporán os resultados desta investigación e o mapa co patrimonio material e inmaterial do concello, non só para dalo a coñecer a toda a veciñanza senón tamén para outras institucións ou entidades interesadas en iniciativas como esta.

Co título completo de “Tocar o Concello. Un proceso de imaxinación comunitaria na Veiga”, o proxecto conta axuda da Fundación La Caixa, a través da convocatoria de iniciativas de acción social no medio rural, o cofinanciamento da Deputación de Ourense, e a participación de dúas sociedades cooperativas, Feitoría e Outonía, e da asociación Otra Escuela.

Artigos relacionados

Back to top button