PolíticaÚltima hora

A Deputación colaborará coa comisión pola estrada de San Agustín (Viana) para o seu arranxo

Mantiñan unha reunión no Pazo Provincial para avaliar posibles liñas de actuación
Manuel Baltar, Pablo Pérez, Ramona García, Santiago Barja e Manuel Diéguez.

Tal como estaba previsto, na mañá do 6 de agosto o presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar e o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez reuníanse no Pazo Provincial coa comisión pola estrada de San Agustín (Viana do Bolo) para avaliar posibles liñas de actuación “co fin de arranxar as estradas Viana-San Agustín e Sever-Encoro de Pías”. Trala xuntanza, o deputado provincial explicou que acordaron que a Deputación “colaborará coa comisión nas negociacións coa empresa eléctrica Enel –titular da estrada- para resolver esta vella problemática”. Así mesmo, Pablo Pérez explicou que “evidenciamos o firme compromiso do goberno provincial de colaborar económica e tecnicamente na solución desta situación que sofren os veciños de Viana do Bolo”.

Na reunión, “a comisión propúxonos que a Deputación de Ourense asumira a titularidade desta estrada pero, en base aos informes técnicos realizados polo persoal desta institución, non é posible que a institución provincial adquira esta estrada dado que, os camiños non reúnen as características técnicas mínimas para prestar o servizo público viario”, explicou Pablo Pérez. Así, entre as diferentes propostas suxeridas por ambas partes para solventar esta problemática, “acordamos que o Concello de Viana do Bolo asuma a titularidade desta estrada e realice unha achega económica á que tamén se suma o goberno provincial xunto coa achega que se lle esixirá á empresa”, engadiu o deputado provincial de Cooperación.

A comisión pola estrada de San Agustín foi nomeada polo Pleno do Concello de Viana do Bolo trala moción presentada polo grupo socialista e está integrada por representantes de tres forzas políticas: en representación do PSOE, Santiago Barja, en representación do PP, Ramona García; e en representación do BNG, Manuel Diéguez.

Dende o grupo socialista, promotores da comisión, aseguran que “á vista da moi boa acollida das nosas propostas, o magnífico trato dispensado polo Sr. Presidente, así coma das solucións amosadas, vaise aprazar a nova andaina reivindicativa que, os socialista de Viana ían convocar no presente mes de agosto”. Tamén aseguran a través dun comunicado que “dado que o alcalde non aceptou formar parte da comisión, o noso concelleriro solicitará unha reunión con el, para darlle conta dos acordos acadados e estudar a partida que imos comprometer por parte do Concello” de cara ao arranxo das estradas, no que, “os socialistas de Viana imos seguir vixiantes”.

Artigos relacionados

Back to top button