EconomíaEconomíaÚltima hora

A Deputación de Lugo inxecta case 11 millóns de euros aos concellos ao adiantar os pagos mensuais previstos ata xuño

Isto axudará a que os 63 municipios que teñen delegada na institución provincial a xestión e cobro de tributos dispoñan de máis liquidez para facer fronte ás necesidades derivadas da crise do coronavirus

Exterior da Deputación de Lugo./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Deputación de Lugo transferirá, aos concellos que teñen delegado o cobro de impostos, os pagos mensuais previstos correspondentes aos meses de abril, maio e xuño, o que supoñerá unha inxección de preto de 11M€ nas arcas municipais.

A decisión adoptada polo presidente do organismo provincial, José Tome, axudará a que os 63 municipios adheridos ao servizo provincial de xestión de impostos, o 94% de todos os da provincia, “dispoñan de maior liquidez para facer fronte ao novo escenario de prioridades e necesidades provocado pola crise sanitaria do coronavirus, permitíndolles por exemplo asumir gastos imprevistos de material sanitario ou medidas sociais, e garantir os pagos a empresas e provedores”, explicou Tomé, quen subliña que este adianto dos pagos de tres meses supón “un gran esforzo de tesourería por parte da Deputación Provincial de Lugo”.

Actualmente son 63 concellos os que delegan na Deputación a xestión de impostos municipais. Trátase do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), o Imposto sobre Bens Inmobles de natureza urbana, rústica e características especiais (IBI) e o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE).

Plan Único 2020

Ademais o Plan Único 2020, aprobado o pasado xoves polo pleno provincial, inxectará de maneira directa nos 67 concellos da provincia 21,3M€ e que o goberno provincial decidiu adaptar para que os municipios “poidan cubrir con estes fondos medidas sociais ante o coronavirus, polo que poderán dispoñer de ata 10,6M€ para este tipo de gastos, o que supón o maior esforzo económico feito polo conxunto das administracións na provincia de Lugo contra esta crise”.

Outra das liñas de apoio aos concellos impulsada pola institución é a posta a disposición do servizo de Novas Tecnoloxías para prestarlles asistencia técnica, asesoramento e colaboración para que poidan celebrar plenos, xuntas de goberno e órganos colexiados en xeral de maneira telemática.

“O obxectivo desta iniciativa é facilitar a xestión municipal con total garantía e seguridade nesta situación de crise sanitaria. Os concellos terán a posibilidade de recibir dunha maneira totalmente gratuíta asesoramento e asistencia para desenvolver a súa actividade de forma telemática para sacar adiante trámites, procedementos ou medidas para o benestar da cidadanía e o impulso da actividade económica do municipio”, indica o seu presidente.

Posta a disposición da administración das cinco novas residencias construídas para afrontar a pandemia

Por outra banda, a Deputación de Lugo puxo a disposición da Xunta de Galicia as cinco residencias que construíu e que ten en proceso de apertura para a súa utilización se é necesario para afrontar a pandemia, co destino que a Administración galega considere, ben de asistencia sanitaria, illamento de positivos asintomáticos, aloxamento ou calquera outro uso que sexa preciso.

Estas infraestruturas atópanse nos concellos de Castroverde, Meira, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil. José Tomé explicou que tomou esta decisión en consenso cos alcaldes destes municipios, cos que mantivo unha conversa para abordar e acordar esta medida de forma conxunta. Ademais, engadiu que “poñemos a disposición as infraestruturas e os servizos e equipos que teñen dispoñibles no interior estas residencias. Algunha delas esAtá máis avanzada que outras en canto a dotación de equipamento, pero todas poden ser útiles para facer fronte a esta situación de emerxencia, e máis cando, segundo o propio Presidente da Xunta, se achega o peor da crise sanitaria en Galicia”.

Nestas cinco residencias da Deputación poderíanse habilitar máis de 100 camas de xeito directo, ao que habería que sumar a posibilidade de acondicionar espazos comúns que terían capacidade para outras máis de 100 camas, polo que se porían a disposición dos sistema sanitario de Galicia unhas 200 camas individuais.

Artigos relacionados

Back to top button