OurenseÚltima hora

A Deputación de Ourense entrega os galardóns do IX Premio Estatuto de Autonomía de Galicia

Nesta edición o xurado seleccionou a 40 rapaces entre case 400 participantes de centros públicos e privados da provincia nas categorías de debuxo e redacción

 

Na mañá deste mércores 6 de abril, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidía no Teatro Principal a entrega de distincións da IX edición do Premio Estatuto de Autonomía de Galicia, no día en que se cumpren 41 anos da aprobación da norma básica institucional -a lei orgánica 1/1981 do 6 de abril-. Un certame co que a institución provincial conmemora o Estatuto de Autonomía e difunde o seu significado entre os escolares. Nesta edición, baixo o lema “As competencias exclusivas de Galicia nas augas minerais e termais (Ourense a provincia termal)”, o xurado seleccionou a 40 rapaces entre case 400 participantes de centros públicos e privados da provincia nas categorías de debuxo e redacción.

No seu discurso, Manuel Baltar resaltou que este acto é o único que se celebra hoxe en Galicia para conmemorar a aprobación do Estatuto: “Fai nove anos que decidimos impulsar este concurso. Foi naquel intre cando decidimos impulsar esta posta en valor do Estatuto de Autonomía. Porque no seu momento, no ano 1983, foi esta Deputación, en colaboración co Goberno Civil de Ourense -hoxe é a Subdelegación-, e a Delegación do Goberno en Galicia, quenes decidiron empezar a publicar aqueles primeiros decretos, aquelas primeiras ordes que hoxe configuran o dereito autonómico. Era presidente da Deputación Victorino Núñez, o gobernador civil era Mariano Sanz e o delegado do Goberno, Domingo García-Sabell”.

O presidente do goberno provincial resaltou a importancia do Estatuto para o progreso de Galicia: “Trouxo progreso, desenvolvemento económico e social. E sen dúbida, unhas cotas de autogoberno, longamente demandadas por todos aqueles que comezaron con esta cuestión, con ourensáns tan destacados como Alexandre Bóveda que deron o proxecto de Estatuto que a Guerra Civil tirou por terra e que logo trouxo o recoñecemento de nacionalidade histórica”. Tamén avanzou que seguirán “traballando nesta liña, con aqueles que son o futuro do país” e agradeceu a participación dos colexios, do xurado e deu os parabéns aos alumnos premiados. Manuel Baltar tamén recoñeceu a presenza no acto do Teatro Principal dos exconselleiros ourensáns Castor Gago e Pachi Vázquez (Alfredo Suárez Canal foi invitado pero non puido acudir por motivos de axenda persoal). “Servidores de Galicia, que falan da pluralidade destes premios, unha pluralidade que é a que fai que Galicia siga medrando”.

 

Actuación de Luz de lúa.

 

Entrega dos premios Estatuto de Autonomía

Os corenta alumnos premiados pertencen aos centros CEE O Pino, CEIP de Sandiás, CPR María Inmaculada de Verín, CPR Padre Feijóo Zorelle, CPR Sagrado Corazón de Carballiño, CPR Plurilingüe La Purísima, CPR Miraflores e Divina Pastora Franciscanas. Durante o acto, que contou cun espectáculo de acrobacias aéreas por parte de Luz de Lúa, o coro xuvenil Cantigas interpretou o himno da provincia e o de Galicia.

O xurado estivo conformado polo vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, a deputada Patricia Torres, Armando Ojea, Álvaro Vila e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar. Todos estiveron presentes na entrega de premios xunto a outros membros da corporación provincial, profesores e directivos dos centros participantes e representantes da vida social ourensá.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, puideron participar neste certame estudantes de Infantil, Primaria, Educación Especial e Ensino Secundario Obrigatorio, así como de Bacharelato e ciclo medio de FP, de centros de ensino en xeral -tanto públicos como concertados ou privados- da provincia de Ourense. As modalidades do concurso foron dúas; o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial presentaron debuxos e traballos artísticos; mentres que o resto concursaron cunha redacción en galego sobre o Estatuto.

Artigos relacionados

Back to top button