OurenseÚltima hora

A Deputación de Ourense garante o apoio ás necesidades de espazo do Campus de Ourense para novas titulacións

No curso 2022-2023 ofrecerá 45 bolsas para os estudantes do grao de Turismo e a dobre titulación de Turismo e Xeografía e Historia, cunha contía de 900 euros máis outros 450 para os 10 mellores expedientes

 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, garantiu o “apoio contundente a calquera necesidade de espazo que precise o Campus de Ourense para a implantación de novas titulacións”, asegurando que “a Deputación estará á altura das circunstancias e das peticións que neste sentido formule a Universidade de Vigo”. Manuel Baltar fixo estas declaracións durante a presentación no Pazo Provincial da oferta académica do campus ourensán para o curso 2022-2023, acto no que o reitor, Manuel Reigosa, chamou a atención sobre a necesidade de ampliación dos actuais terreos “porque podemos ter éxito traendo novos estudos para Ourense, pero vernos na obriga de telos espallados pola cidade”.

O presidente do goberno provincial destacou na súa intervención que a Deputación “caracterizouse sempre pola súa contribución aos intereses xerais da provincia, como tamén no primeiros tempos do campus” poñendo a disposición da universidade os terreos necesarios ou facendo achegas económicas para a construción de edificios. “Fomos, somos e seremos sempre aliados da Universidade de Vigo e do Campus de Ourense, que mantén unha liña ascendente grazas ao traballo do reitorado, da comunidade educativa e da colaboración que mantén co goberno provincial”, subliñou.

Manuel Baltar, que felicitou ao reitor pola renovación do seu mandato e ao equipo que lle acompaña polo seu compromiso para esta nova etapa, puxo de relevo o pulo que vai ter o campus ourensán coas titulacións que incorporará para o próximo curso académico, estudos que van “cara a especialización nos ámbitos da tecnoloxía e da innovación, na liña da nosa estratexia e filosofía de provincia do século XXI, cunha Alta Velocidade que seguro que imprimirá ao campus o novo equipo directivo da Universidade de Vigo”.

 

Encontro de Manuel Baltar e o equipo do reitor da UVigo.

 

Novas titulación en exclusiva para Ourense

Manuel Reigosa agradeceu “todo o apoio que sempre atopamos na Deputación para o mellor desenvolvemento do campus que máis medra dentro do sistema universitario galego, en gran parte polo pulo que están tendo moitas das novas titulacións que conseguimos”. Advertiu, non obstante, que cómpre máis espazo “porque temos titulacións que acubillar e proxectos para novos edificios”.

Recoñeceu o reitor que nesta etapa que agora comeza “teño a aspiración de traer algunha titulación exclusiva para o Campus de Ourense”. Neste sentido expresou o seu desexo de que “se dean as condicións para implantar novos estudos, agora que se está abrindo o mapa de titulacións, o que que permitiría traer ao sistema universitario galego titulacións que se imparten en España pero non en Galicia”.

Unha oferta para “potenciar e captar talento”

Natalia Caparrini, foi a encargada de detallar a oferta académica do Campus de Ourense, con 8 centros que ofrecen 14 graos, tres dobres titulacións e 943 prazas “que tradicionalmente quedan todas cubertas”. Ademais pódense estudar en Ourense 12 mestrados que se imparten en sete centros cun total de 280 prazas.

A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade puxo en valor a colaboración da Deputación de Ourense “para potenciar e captar talento”, grazas á achega de 45 bolsas para os estudantes do grao de Turismo e a dobre titulación de Turismo e Xeografía e Historia, axudas que teñen unha contía de 900 euros máis outros 450 para os 10 mellores expedientes.

Natalia Caparrini citou catro novidades para o próximo curso académico. No capítulo de graos haberá dúas novas titulacións: Intelixencia Artificial, con 50 prazas dentro da rama de enxeñaría e arquitectura; e Relacións Internacionais, que terá 22 prazas e impartirase no edificio de Xurídicas e Empresariais, pois a futura facultade aínda está en proceso de tramitación, aprobada no Consello Galego de Universidades e pendente de aprobación polo Consello da Xunta.

No apartado de másteres tamén haberá outras dúas novidades: Intelixencia Artificial, con 20 prazas, e Desafíos das Cidades, con 6 prazas, ambas dentro da rama de enxeñaría e arquitectura.

Artigos relacionados

Back to top button