OurenseÚltima hora

A Deputación de Ourense incorpórase ao Eixo Atlántico

Reunión Manuel Baltar, presidente da Deputación Ourense, con Xoán Vázquez Mao, secretario seral do Eixo Atlántico.

 

A Deputación de Ourense formará parte do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Así o daban a coñecer hoxe, trala reunión celebrada no Pazo Provincial, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. A incorporación, que se fará efectiva na vindeira asemblea xeral do Eixo Atlántico, en febreiro, “supón para Ourense un excelente posicionamento e unha magnífica oportunidade para desenvolver proxectos europeos de cooperación interterritorial”, afirma Manuel Baltar.

Para o presidente provincial a entrada no Eixo Atlántico supón “un escenario perfecto para seguir ampliando a nosa rede de traballo cunha entidade de tanto prestixio, que engloba cidades, concellos e territorio de Galicia e do Norte de Portugal cos que compartimos moitos intereses nun momento absolutamente transcendental”.

Ademais considera que toda esta cooperación “fortalecerá as liñas de traballo de recuperación social e económica por mor da pandemia, e tamén será un alicerce para a colaboración o noso potencial termal e a Presidencia que ostento da Asociación de cidades históricas termais de Europa, organización que poremos, asemade, a disposición do Eixo Atlántico para cooperar conxuntamente”. Unha cooperación que marcará “un antes e un despois en canto a alianzas en políticas públicas comunitarias”, dixo Baltar, quen confirmou que no pleno da Deputación deste mes de xaneiro terá lugar oficialmente a aprobación plenaria da incorporación.

Pola súa banda, Vázquez Mao expresou os parabéns á Deputación de Ourense, “cuxa incorporación foi aceptada por unanimidade e que permitirá reforzar os territorios do interior en materias como o reto demográfico, nun momento no que necesitamos ter entidades que sexan cabeza de ponte para este traballo, entidades con capacidade de xerar proxectos, como é o caso da Deputación de Ourense”.

O secretario xeral do Eixo Atlántico salientou que en momentos de debilidade política “cómpren entidades e políticos que reforcen e defendan os nosos intereses comúns en ámbitos de infraestruturas, sociais e económicos”, e citou ao termalismo e ao turismo de natureza como ámbitos importantes para a recuperación económica, afirmando que a incorporación da Deputación de Ourense ao Eixo Atlántico “permitiranos consolidar un lobby, o que significará un reforzamento mutuo para a provincia e para o eixo, dado o amplo territorio transfronteirizo e a experiencia de cooperación que neste ámbito ten a provincia de Ourense”.

Artigos relacionados

Back to top button