OurenseÚltima hora

A Deputación de Ourense pecha ao público todos os seus centros como medida contra o coronavirus

O decreto entrará en vigor mañá sábado e manterase, en principio, ata o vindeiro 1 de abril

Manuel Baltar, cos coordinadores da Ourense ICC Week, hoxe, no Pazo Provincial.

 

A Deputación de Ourense decreta o peche ao público de todas as súas instalacións como medida de actuación contra o coronavirus (COVID-19). O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, asinou hoxe o decreto que recolle o peche dos espazos públicos da Deputación, medida que entra en vigor mañá sábado e que se manterá, en principio, ata o vindeiro 1 de abril.

A resolución establece que ante a extensión da pandemia do virus resulta necesario a adopción de medidas preventivas eficaces que eviten, na medida do posible, a propagación do coronavirus. A tal efecto, con data 12 de marzo reuniuse con carácter extraordinario o Comité de Seguridade e Saúde da Deputación para consultar aos responsables técnicos de prevención de riscos laborais e aos representantes dos empregados públicos provinciais, e á vista das propostas formuladas no seo do Comité, oídos os portavoces do grupos provincial e os responsables técnicos dos distintos servizos provinciais, determínase:

Aprobar o protocolo xeral de actuación da Deputación de Ourense e dos seus organismos e entidades adscritos ou dependentes, en relación co coronavirus COVID–19. O protocolo establece as medidas a adoptar con carácter xeral para a prevención da propagación do coronavirus nos centros de traballo da Deputación de Ourense, do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), no Consorcio Provincial de Ourense do Servizo Contra Incendios e de Salvamento (Consorcio CIS) e no Consorcio de Augas de Valdeorras.

A totalidade dos centros de traballo dependentes da Deputación de Ourense, Inorde, Consorcio CIS e Consorcio de Augas de Valdeorras permanecerán pechados ao público con carácter xeral a partir do día 14 de marzo de 2020 e ata o 1 de abril de 2020. En consecuencia, non se permitirá o acceso das persoas que non teñan a condición de cargos electos ou empregados públicos provinciais, agás nos casos excepcionais nos que se conceda cita previa para a atención dos cidadáns. En consecuencia, os servizos culturais, deportivos e de formación de todo tipo, que se prestan de forma presencial ás persoas, incluíndo o uso de instalacións deportivas e a visita a establecementos ou centros culturais ou formativos, quedan suspendidos na súa prestación ata o 1 de abril de 2020.

Esta medida afecta aos servizos prestados pola Sección de Formación da Deputación, Pazo dos Deportes “Paco Paz”, Teatro Principal, Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, Centro de Interpretación da Vida Monástica da Ribeira Sacra, Museo Galego do Entroido, Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, Escola Provincial de Gaitas, Museo Internacional da Cornamusa, Escola de Artes e Oficios, Pazo de Vilamarín, Consorcio CIS e Consorcio de Augas de Valdeorras.

Asemade, tamén queda aprazada a presente edición da “Ourense ICC Week”, que estaba prevista celebrar do 31 de marzo ao 5 de abril. Logo da reunión mantida hoxe polo presidente Baltar cos coordinadores da ICC Week, Juan Rivas e Manuel Araújo, determinouse, como outra das medidas de protección e contención do coronavirus aprazar a Semana das Industrias Culturais e Creativas ata a primeira quincena de outubro. A organización lamenta as molestias que esta medida poida ocasionar tanto aos participantes como ao público da Ourense ICC Week. En canto ás entradas adquiridas para os eventos xa anunciados, como o concerto de Juan Perro, o Festival Nómada de cultura africana Harmatán, ou o espectáculo de humor #COMICAMENTE de A Rúa, devolverase o importe das mesmas a través do mesmo medio de pago e plataforma en que se realizou a compra. E no que atinxe ás competicións online de eSports continuarán, como estaba previsto. Só se aprazará a fase final presencial en Ourense, para a que se fixará unha nova data na semana na que se celebre a ICC Week.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close