En portadaÚltima hora

A Deputación e o Concello de Vilamartín chegan a un acordo para mellorar a situación da estrada de San Vicente

O alcalde, Enrique Álvarez, consultará esta tarde cos veciños se manteñen as accións de protesta e o seu encerro

Seis días despois de que o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro decidise pecharse no Concello para reclamar o arranxo da estrada OU-807 de San Vicente de Leira, era recibido xunto ao portavoz socialista, Francisco Fraga, o deputado e alcalde de Petín, Miguel Bautista, o deputado e alcalde da Veiga Juan Anta e responsables das canteiras da zona, entre outros.

Á saída da reunión, que tiña lugar na mañá do 15 de marzo no Pazo Provincial, o rexedor socialista salientaba a “mellora dunha situación lamentable”, tralo compromiso alcanzado para arranxar a desfeita da estrada de San Vicente, en proceso de derrubamento desde hai un cuarto de século.

 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, saudando a un veciño de San Vicente de Leira.

Na reunión acordaron suprimir a barreira fixa instalada a pasada fin de semana e a colocación dunha barreira móbil que permita ó paso de vehículos de emerxencia. Ademais, mentres non se poda levar a cabo o proxecto definitivo de arranxo que supón o recheo da montaña e unha inversión millonaria, procederase á ampliación e consolidación da estrada mediante un desmonte na ladeira superior, aproveitando a boa disposición da empresa propietaria deses terreos para a súa cesión sen expropiación. Igualmente vanse arranxar as pistas de titularidade municipal que, polo de agora mentres non se realicen as obras provisionais de consolidación, seguirán a ser o único acceso á aldea. Tamén se porá en servizo un sistema de transporte baixo demanda.

Enrique Álvarez destacou a execución de obras para “acceder dignamente a San Vivente, aínda que non hai prazos porque dependemos da meteoroloxía”. “Son medidas de urxencia”, dixo antes de asegurar que “é unha pena chegar a esta situación”. O rexedor agradeceu a “boa disposición” da Deputación para arranxar a desfeita, pero recordou que “outras veces tamén se levaron compromisos por escrito que quedaron en nada”. Por iso, adiantou que esta tarde consultará cos veciños de San Vicente, se manteñen as accións de protesta para reclamar un acceso digno. A reunión será ás 19h. na casa da escola do pobo.

Artigos relacionados

Back to top button