OurenseÚltima hora

A Deputación habilita un dispositivo especial de atención ás persoas que viven soas

O servizo provincial de Teleasistencia incrementará durante o Nadal as intervencións diarias para facer un seguimento e control dos máis de 1.500 usuarios deste sistema que viven sós, o que representa en torno ao 70 % dos máis de 2.000 beneficiarios dun servizo gratuíto que atende a 91 concellos da provincia

 

A Área de Benestar da Deputación de Ourense manterá habilitado durante as festas de Nadal un dispositivo especial de atención, seguimento e control dos máis de 1.500 beneficiarios do servizo provincial de Teleasistencia que viven sós, o que representa en torno ao 70 % das máis de 2.000 persoas beneficiarias dun servizo gratuíto que atende a 91 concellos da provincia.

O dispositivo baséase na prestación de atención diferenciada ás persoas que viven soas, interesándose polas condicións nas que están a pasar este Nadal. Os operadores farán un acompañamento especial en todos aqueles casos nos que se detectan sinais de maior soidade. Ao mesmo tempo, animarán a todos os beneficiarios a utilizar as chamadas de alerta as veces que o necesiten e durante o tempo que precisen, ante as situacións de ansiedade que poden xerar a soidade nestas datas.

Na actualidade, o sistema de Teleasistencia da Deputación de Ourense atende 24 horas ao día, os 365 días do ano, a 2.181 persoas de 91 municipios de menos de 20.000 habitantes, é dicir, a totalidade da provincia agás o concello da capital. En calquera momento do día ou da noite e con só pulsar o botón dun aparello que deben levar sempre con eles, os usuarios son atendidos de xeito inmediato para resolver calquera tipo de emerxencia.

Artigos relacionados

Back to top button