ConcellosÚltima hora

A Deputación instalará “Teleasistencia avanzada” nos concellos ourensáns de máxima prioridade demográfica

Teñen esta cualificación os municipios de: Beade, Os Blancos, Boborás, Calvos de Randín, Chandrexa de Queixa, Gomesende, Larouco, Manzaneda, Montederramo, Porqueira, Río, A Teixeira e Vilariño de Conso

Reunión Manuel Baltar, presidente Deputación, coa deputada Luz Doporto Real.

 

A Deputación de Ourense pon en marcha un novo programa para instalar a “Teleasistencia avanzada” nos concellos da provincia “de máxima prioridade demográfica. Consiste en aplicar ao ámbito dos servizos sociais tecnoloxía de xeolocalización e monitorización de riscos para a detección automática de potenciais situacións de risco que puideran ter os beneficiarios. O obxectivo, segundo afirma o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, “é poñer a disposición dos usuarios da nosa provincia unha tecnoloxía de vangarda que permita mellorar o servizo de teleasistencia, prestando unha atención integral e personalizada”.

As persoas usuarias ás que se lle vai ofertar a posibilidade de transformar o actual servizo de teleasistencia serán aquelas que residen en municipios da provincia de Ourense de prioridade demográfica de grao III, en virtude da cualificación que nos diferentes programas da Área de Benestar da Deputación de Ourense teñen as entidades locais da provincia. Teñen esta cualificación os municipios de: Beade, Os Blancos, Boborás, Calvos de Randín, Chandrexa de Queixa, Gomesende, Larouco, Manzaneda, Montederramo, Porqueira, San Xoán de Río, A Teixeira e Vilariño de Conso.

Á maioría dos usuarios da nova teleasistencia avanzada instalaráselles o servizo móbil con xeolocalización, que permite a atención de situacións de crises en calquera lugar fora do domicilio, localizando a posición xeográfica da persoa. A incorporación deste cambio significa que a atención á persoa (que ata o de agora se limitaba ao tempo que permanecía na vivenda), pasa a ampliarse á totalidade do dia, con independencia do espazo físico no que se atope, segundo a Deputación.

Asemade, para aqueles perfís de usuarios nos que sexa aconsellable, instalaranse detectores de situacións de risco mediante dispositivos que sinalizan e informan de maneira inmediata e automática tanto no domicilio como na central de alarmas sobre: fugas de gas, incendios, escapes de auga ou caídas.

Esta iniciativa que coordina a deputada provincial de Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, a barquense Luz Doporto, xa se está a implantar en diferentes concellos da provincia e “suporá importantes melloras tecnolóxicas para os usuarios do servizo provincial de teleasistencia en concellos de máxima prioridade demográfica. A nova teleasistencia incluirá apoios tecnolóxicos complementarios dentro e fóra do domicilio, o que permitirá a detección automática de potenciais situacións de risco, grazas á interconexión dos servizos de información e dos profesionais de referencia do sistema sociosanitario”, tal e como informa a Deputación.

Neste sentido, o domicilio será o centro de atención, e as novas tecnoloxías aplicadas, supervisadas por profesionais, actuarán como instrumento para favorecer a permanencia da persoa no seu entorno sociocomunitario de maneira activa, conectada e informada, sendo unha das características principais deste sistema a atención individualizada dos usuarios.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button