CenlleOurenseRibadaviaÚltima hora

A Deputación ourensá estuda adquirir catamaráns eléctricos para rutas termais e enoturísticas

Con eles preténdese crear unha nova proposta turística con rutas fluviais polo Miño para percorrer contornas termais e adegas vitivinícolas

Proba do catamar‡án 100% elŽéctrico nas proximidades do Balneario de Laias (Cenlle).

 

Dende a Deputación de Ourense estase a estudar a posibilidade de ofrecer unha novidosa proposta turística na provincia: a realización de rutas fluviais polo Miño para percorrer contornas termais e adegas vitivinícolas.

Para abordar esta cuestión o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitaba o balneario de Laias (Cenlle), acompañado polo director xerente de Caldaria, Javier Soto, para coñecer as prestación dun catamarán pensado para ofrecer esta proposta.

O proxecto contempla, segundo explica Manuel Baltar, “estudar a compra por parte da Deputación de Ourense dunha frota de pequenos catamaráns, que teñen como característica principal o feito de ser 100 % eléctricos, coa importancia que isto supón para a contorna medioambiental”.

O barco, que conta cunha capacidade de sete prazas, non precisa de titulación náutica para ser guiado, e está pensado inicialmente para realizar rutas termais e enoturísticas pola contorna do embalsa de Castrelo de Miño, así como pola zona do balneario de Arnoia, visitando diferentes adegas da Denominación de Orixe Ribeiro.

“Esta iniciativa pode ter un enfoque turístico moi relevante e pode ser unha aposta de futuro e un revulsivo para explotar o enoturismo, en colaboración coas adegas e co Consello Regulador do Ribeiro. A Deputación de Ourense, que apoia o deporte náutico e enclaves como os de Laias, Castrelo de Miño e Arnoia, e que coopera co Consello Regulador, ve neste proxecto unha aposta que ten a capacidade de atraer visitantes”, asegura o presidente da Deputación de Ourense.

Ademais adianta que se van manter conversas para a adquisición de varios barcos deste tipo e que a colaboración da Deputación será non só económica “senón tamén de promoción dunha iniciativa tan acertada como é a de unir termalismo e viño, un dos nosos produtos estrela”.

Neste sentido, dixo que a institución provincial se reunirá co Consello Regulador e coas adegas “para estudar a estratexia neste ámbito, para pór en valor aspectos tan importantes no noso territorio como son a enogastronomía, o termalismo, a paisaxe e o medio ambiente da provincia de Ourense, a de maior potencial termal de Europa”.

Artigos relacionados

Back to top button
Close