Novo paso no proxecto promovido polos Concellos do Barco e Trives, co respaldo do Eixo Atlántico, para poñer en valor a Via Nova romana (que conectaba as antigas urbes de Braga e Astorga) que entra na provincia pola comarca de Valdeorras. Tras o encontro mantido en maio co presidente da Cámara de Braga, acordábase pedir unha xuntaza coa Deputación de Ourense de cara a recabar o seu apoio nesta iniciativa.
Esa reunión tiña lugar esta mañá no Pazo Provincial. Nela participaban o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e o presidente da asemblea do Eixo Atlántico e alcalde do Barco, Alfredo García.
A Via Nova é “un elemento de comunicación de grande importancia, dada a súa pegada cultural e histórica, que temos que tomar en consideración para darlle a relevancia oportuna”, afirmaba Manuel Baltar.