EconomíaEconomíaÚltima hora

A deseñadora barquense Marisu Miranda combina arte e moda no seu novo proxecto

Está preparando unha exhibición titulada "Las 2 Marías somos todas" inspirada nas mulleres españolas

 

Dar a coñecer unha parte da historia, neste caso a través das mulleres españolas; entender e valorar a arte do deseño a medida; e influír positivamente nas novas xeracións. Son algunhas das premisas que levaron a Marisu Miranda a embarcarse no seu último proxecto: unha exhibición de moda diferente titulada Las 2 Marías somos todas.

Aínda que naceu e formouse en Barcelona, a deseñadora Marisu Miranda é a terceira xeración dunha familia adicada ao mundo téxtil e á moda no Barco de Valdeorras de onde é natural e onde deu os seus primeiros pasos de costura. O destino levouna a cruzar o charco e instalarse xa de moi nova en Estados Unidos onde desenvolve o seu labor para grandes firmas, peo o que realmente lle gusta é a alta costura e a arte, e por iso abre o seu propio Atelier en Tampa. Alta costura a medida, tecidos exclusivos co seu propio deseño, accesorios e artesanía nos bordados… Durante 13 años Florida convértese no seu fogar e punto esencial para desenvolver a súa faceta de artista (tamén herdanza familiar).

Ademais de vestir á alta sociedade de Florida e a celebrities (é doado ver so seus vestidos na alfombra vermella de eventos como os Oscar, Grammy ou Emmy), Marisu ten presentado as súas coleccións en pasarelas de Nova York, Santo Domingo, Florida e España, xunto a deseñadores como Custo Barcelona, Carlos Díez ou Ágatha Ruíz de la Prada, entre outros, participando na New York Fashion Week coa realización de desfiles para nomes tan consagrados como Óscar de la Renta, Ralph Lauren, Kenneth Cole, J. Crew ou Diesel, ademais de estar presente en moitos proxectos vencellados á moda en diferentes partes do mundo, sen esquecer as súas raíces das que se sinte moi orgullosa.

 

A deseñadora Marisu Miranda./ Foto: John Barragan.

 

Nos últimos anos está máis centrada na presentación de exhibicións aplicando o seu talento a diferentes disciplinas, costura e pintura (incluso fixo un retrato ao actor Antonio Banderas) e agora, instalada en Chelsea (Nova York) está preparando un novo e ambicioso proxecto no que combina arte e moda. Con prendas (vestidos, traxes, abrigos) pero tamén cadros, pósters, libros, pratos decorativos,… inspirados “no espírito humano da muller española, e moi especialmente as galegas como Las 2 Marías ou Maruja Mallo”, figuras cuxa inspiración non só se reflicte nos deseños, bocetos e pinturas, senón tamén no corte e nas cores das prendas.

Las 2 Marías ou Las Marías somos todas é o título deste proxecto que espera terminar a finais de ano e que será lanzado primeiro en Nova York (nun centro cultural español) e despois en cidades como Madrid ou Barcelona, sen descartar a súa vila natal. Con todo, sería especialmente significativo para a deseñadora expoñer en Santiago de Compostela, o lugar onde descubriu a historia destas dúas mulleres, da que naceu a inspiración. “É unha historia preciosa que xurde dunha traxedia”, explica Marisu, asegurando que “o triste é o que a fai bonita”. Hunha historia que fala do feminismo con honra na época da postguerra, cando estas dúas mulleres saían ás dúas en punto da tarde con traxes fermosos. Iso foi o que me chamou a atención, que enmascarasen a traxedia tras algo bonito”, conta Marisu Miranda.

Para poñerse en contacto coa deseñadora: marisumiranda@gmail.com

Máis información sobre a exhibición: https://youtu.be/PgsKvauIpL4

 

 

Artigos relacionados

Back to top button