Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A deseñadora Silvia Fernández abre as portas do seu Atelier na cidade das Burgas

A firma especializada en traxes de noiva conta tamén con locais propios en Ponferrada, Logroño, Pamplona e Torrelavega

Ponferrada, Logroño, Pamplona, Torrelavega e agora tamén Ourense. A cidade das Burgas conta xa cun novo establecemento de moda nupcial da man de Silvia Fernández, quen abría o seu novo Atelier (o quinto da firma) na tarde do 22 de novembro, nun acto ao que asistían representantes de entidades públicas e empresarios da cidade, así como o alcalde de Ourense, acompañado de parte do seu equipo de goberno.

Nada na veciña comarca do Bierzo e coa creación de máis de 60 postos de traballo (o 80% mulleres na súa maioría de máis de 45 anos), a firma apostou dende o principio pola “creación de postos de traballo de calidade nunha zona moi afectada pola crise da minaría e da construción”, pero tamén por unha filosofía de traballo “baseada na elaboración totalmente artesanal de deseños exclusivos de alta calidade”, elaborados nos seus obradoiros de Ponferrada. En palabras de Silvia Fernández, deseñadora creativa e alma máter da firma, “cada vestido é exclusivo porque cada noiva é única”.

 

Un dos deseños de Silvia Fernández.

 

No acto de inauguración celebrado onte, o alcalde de Ourense Jesús Vázquez agradecía o feito de elixir Ourense como sede da primeira apertura galega, porque tal como confesaba “hoxe por hoxe abrir unha empresa ou un negocio é sempre unha boa nova e que sexa en Ourense é aínda mellor”. Pola súa banda, Silvia Fernández aproveitou a ocasión para resaltar “o estilo e gusto polas cousas bonitas e ben feitas dos ourensáns”, esperando “non defraudar á cidade e poder ofrecerlle o que merece”.

Con máis de 20 puntos de venda multimarca en España, outros tantos en Francia, ademais de Portugal, Italia e Suíza, a previsión da deseñadora para o 2019 é orientarase cara o crecemento exponencial que a levará a asentarse no seu mercado natural (proximamente abrirá novos atelieres en Zaragora e Madrid), además de incorporar novos países.

Artigos relacionados

Back to top button