EconomíaEconomíaÚltima hora

A dinamización comercial fronte á crise do Covid, a debate no I Congreso Galego de CCAs

Este foro, que terá un formato online, celebrarase os días 10 e 11 de marzo e contará coa presenza de expertos de España e Portugal

Publicidade

 

“A crise derivada do Covid-19 está a supoñer un reto sen precedentes para o comercio local. Os centros comerciais abertos tiveron que buscar novas fórmulas de dinamización comercial para adaptarse aos cambios nos hábitos de consumo e os protocolos sanitarios esixidos para facer fronte a pandemia”, asegura a Asociación Galega de Xerencias de Centros Comerciais Abertos e Zonas Comerciais Urbanas.

Co obxectivo de compartir estas experiencias e descubrir distintas iniciativas que se están desenvolvendo dento e fóra de Galicia, os próximos días 10 e 11 de marzo terá lugar o primeiro Congreso Galego de CCAs e CCUs. O evento, en formato online, acollerá relatorios de expertos e mesas redondas nas que intervirán representantes de varias zonas comerciais urbanas do País Vasco, Canarias ou Portugal.

Este primeiro simposio está organizado polo Arteixo Centro Comercial Aberto, que exercerá de anfitrión, en colaboración coa Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos. Nace adaptado ás circunstancias actuais, pero coa idea de ter continuidade no futuro. As axudas económicas directas a pemes e autónomos, os bonos para o incentivo do consumo, a dixitalización do pequeno comercio e as iniciativas de transformación de espazos urbanos que se están a acometer en distintos lugares serán algúns dos temas a tratar nesta primeira edición.

Renovación da xunta directiva

A última asemblea ordinaria da Asociación Galega de Xerencia de CCAs e CCUs serviu para renovar a xunta directiva que seguirá presidida, durante os próximos catro anos, por Yonathan Carreira, xerente do CCA Estrela de Marín. O novo equipo recibiu o respaldo unánime da asemblea e solicitou xa unha reunión co Director Xeral de Comercio, Manuel Heredia.

Entre as propostas que lle queren trasladar figura a de que os centros comerciais abertos sexan os encargados de xestionar de maneira directa os bonos para o incentivo do consumo anunciados hai uns días polo presidente da Xunta. Os CCAs teñen experiencia na implantación de políticas de dinamización comercial e coñecen de primeira man as necesidades dos pequenos negocios que integran o comercio local.

A nova directiva da Asociación reafirmou a súa vontade de “avanzar na profesionalización da xerencia das zonas comerciais, a nivel individual e colectivo e marcouse unha serie de obxectivos nesta dirección. Xunto a organización dun congreso anual, apostarase por realizar formación específica, favorecer o networking entre xerentes e compartir información sobre as distintas iniciativas que se están a desenvolver. Todo isto, sen perder de vista o obxectivo primordial de actuar como órgano de representación e defensa do colectivo”.

Artigos relacionados

Back to top button