EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima horaVídeos

A directora xeral de Recursos Naturais coñece a extracción subterránea de lousa e a elaboración desta pedra natural

Na visita realizada este martes a Valdeorras Paula Uría percorría as instalacións da nave de Castrelos en Casaio e logo visitaba a mina de Cafersa

 

Dende a extracción na mina ata o produto elaborado. A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, coñecía o proceso de explotación e transformación da lousa na viaxe que realizaba este 23 de febreiro a Valdeorras para coñecer este sector valdeorrés. Paula Uría, que destacou e agradeceu o labor do Clúster da Pizarra, trasladou o apoio da Xunta ao sector apostando pola innovación e polas melloras tecnolóxicas e medioambientais dispoñibles como o mellor xeito para conseguir unha alta capacidade de produción co valor engadido da mellora na calidade dos produtos e dunha redución dos custos da produción: “Quero felicitar a todo o conxunto de persoas que co seu traballo fan posible que as empresas deste sector se encontren á vangarda da transformación de lousa”, subliñou.

Tras manter unha reunión con representantes do Clúster da Pizarra de Galicia en Sobradelo (na que tamén participaban a subdirectora xeral de Recursos Naturais, o xefe territorial de Economía e a alcaldesa de Carballeda), Uría achegábase, xunto a responsables desta entidade como o seu presidente, Víctor Cobo; ata a nave de Castrelos onde coñecía o proceso de elaboración da lousa para cuberta. Xa pola tarde, visitaba a explotación subterránea de Cafersa. Ambas instalacións están tamén no municipio de Carballeda.

 

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, co director de produción de Cafersa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Non tivera ocasión de vir antes o sector e a verdade é que levamos unha valoración moi positiva desta visita. Quedámonos moi impresionados tanto polo traballo que se está a facer por parte dos traballadores como pola empresa, que aposta polas melloras en innovación, polas melloras tecnolóxicas e por aquelas medidas que poidan tamén mellorar a seguridade a saúde dos traballadores”, aseguraba Uría ao final da visita en declaracións ao Periódico O SIL.

Era tamén a primeira vez que a directora xeral de Recursos Naturais entraba nunha explotación subterránea de lousa e amosábase “impresionada gratamente. Paréceme extraordinario o traballo que se está a facer aí, sobre todo pola magnitude, pola capacidade do propio traballo en si, pola capacidade dos recursos que temos montaña adentro”. E incidía en que este tipo de explotacións teñen “un impacto menor que ás de ceo aberto”.

Ademais a directora xeral agradecía tanto ao presidente do Clúster como a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, o seu “recibimento. A de hoxe foi unha xornada moi produtiva, anímoos a seguir traballando, a seguir facendo as cousas cada día mellor, apostando de maneira sostible polo aproveitamento dos recursos naturais para que ese aproveitamento sexa frutífero para todos, tanto para a propia comarca como para Galicia en xeral”.

 

 

Valoración moi positiva da visita dende o sector

Para o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, facía un balance moi positivo desta xornada. “É moi de agradecer que a directora xeral leve no posto dous meses e que unha das primeiras visitas que teña realizado sexa ao sector da lousa, desprazándose tanto ela como a subdirectora a Valdeorras a coñecelo”.

 

O director de produción de Cafersa, co presidente do Clúster de Pizarra de Galicia e ao seu xerente./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tamén de maneira moi favorable valoraba esta visita Daniel León, director de produción de Cafersa. “Paréceme que foi unha visita moi importante para o sector da lousa xa que dá a coñecer os grandes esforzos de investigación e investimento que esta realizando o sector na minoración do po de silice, moitas destas actuacións enmarcadas no programa de subvencións da Xunta de Galicia deseñado para tal fin, para desta maneira mellorar as condicións de traballo para os empregados tanto en naves de elaboración como en canteiras/minas subterráneas. Tamén lle permitiu ver de primeira man os procesos produtivos e os problemas concretos do sector, tendo desta maneira maior coñecemento do mesmo”.

 

Artigos relacionados

Back to top button