OurenseÚltima hora

A DXT e a Garda Civil de Tráfico inician unha campaña de uso de elementos reflectores para peóns e ciclistas

A campaña contará co reparto de chalecos reflectores e lembrarase que a súa utilización obrigatoria en condicións de pouca visibilidade

Imaxe de reparto de chalecos nunha campaña anterior./ Foto cedida.

 

Neste xoges 14 de maio a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), en colaboración co Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, vén de iniciar na provincia unha campaña de concienciación sobre o uso de elementos reflectores para peóns e ciclistas, tendo en conta o incremento da mobilidade trala entrada en vigor da Fase I do Plan de Transición cara a Nova Normalidade.

A campaña contará co reparto de chalecos reflectores que levarán a cabo axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil, lembrando a peóns e ciclistas a súa utilización obrigatoria en condicións de pouca visibilidade. Con esta iniciativa “inténtase concienciar do uso do chaleco entre a posta e a saída do sol, así como nos casos de redución de visibilidade pola variación das condicións climatolóxicas, como a choiva ou a néboa intensa”, tal e como indican os seus promotores.

Así mesmo, lembrarase que o non portar elementos reflectores cando peóns ou ciclistas estean obrigados a elo supón unha infracción leve sancionada con multa económica de 80 euros.

Dende a Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense tamén se pide “aos condutores de vehículos que leven varias semanas sen conducir que, ante a presenza de todo tipo de usuarios viais nas estradas, extremen a precaución ao volante e non baixen a garda”.

Artigos relacionados

Back to top button