OurenseÚltima hora

A DXT lembra que os carnés de conducir caducados durante o estado de alarma siguen vixentes ata 60 días despois de finalizada a situación excepcional

A maioría dos centros de recoñecemento de condutores abrirán ao público a partir do vindeiro luns 11 de maio

 

O vindeiro luns 11 de maio a maioría dos centros de recoñecemento de condutores abrirán de novo ao público, polo que a Dirección Xeral de Tráfico lembra aos cidadáns que “os permisos de conducir que caducaran durante o estado de alarma manteñen a súa vixencia durante dito período e ata 60 días hábiles despois de finalizado o mesmo”.  A súa renovación pode realizarse nos centros de recoñecemento “sen necesidade de que o cidadán se teña que desprazar á Xefatura Provincial de Tráfico, cuxa atención ao público aínda está suspendida pola declaración do estado de alarma”, aseguran dende a DXT.

Tráfico lembra asemade que a suspensión dos prazos administrativos, recollida no Real Decreto de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo Covid-19 “tamén alcanza á validez de 90 días dos informes médicos que non se puderan engadir a un expediente para a obtención ou prórroga de vixencia dunha autorización administrativa para conducir, a cal se verá incrementada polo tempo que permaneza vixente o estado de alarma”, de momento ata o 24 de maio.

Segundo María José Aparicio, subdirectora adxunta de Formación e Educación Viaria da DXT, a apertura dos centros de recoñecemento de condutores, mantendo todas as medidas sanitarias requeridas para dar seguridade e poder prestar o servizo adecuado aos cidadáns e aos seus propios traballadores, “é un primeiro paso cara a nova normalidade.”

Artigos relacionados

Back to top button