DeportesÚltima hora

A elite do remo nacional regresa a Castrelo de Miño co campionato de España de longa distancia

O CN Sevilla impoñíase con 8 medallas e tamén participaban dous membros do Club Náutico Castrelo de Miño: Hugo Gil en 1X JM e Clara Fernández en 1X ABF

 

Un total de 424 deportistas para 311 barcos, de 54 clubs de dez federacións (Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, Aragón, Andalucía, Comunidade Valenciana, Cataluña e Madrid). Son os datos en canto á participación da elite do remo nacional no XI campionato de España de remo de longa distancia disputado na mañá deste sábado 20 de febreiro no Parque Náutico de Castrelo de Miño.

Unha competición que se estendeu dende as nove da mañá ata pasada as tres e media da tarde e que se desenvolvía con total normalidade malia a incesante chuvia. “Polo menos só choveu porque onte pola noite facía moito vento e fixo perigar a proba, porque con eses refachos non se podería ter competido”, aseguraba a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, satisfeita unha vez máis coa celebración do evento xa que non é a primeira vez que Castrelo de Miño acolle este campionato, aínda que si a primeira que o fai en plena pandemia de coronavirus, un hándicap máis (coa aplicación dun estrito protocolo de seguridade anticovid) que se resolvía favorablemente e sen ningún tipo de incidencia.

 

A presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, en Castrelo de Miño.

 

Con respecto ao apartado estritamente deportivo, os remeiros competían nas categorías cadete, xuvenil, absoluto e adaptado, masculino e feminino; nas modalidades 2x, 2- e 1x e, malia que o medalleiro quedou bastante repartido, por clubs o vencedor da proba foi o Club Náutico Sevilla con 8 medallas, 4 delas de ouro, 2 de prata e 2 de bronce. O segundo club en canto a metais foi o catalán  Nataciò Banyoles con cinco (2 ouros, 2 pratas e 1 bronce). E o terceiro, outro catalán, o Club Nàutic Amposta con catro (2 ouros e 2 pratas).

Con respecto aos equipos galegos o Club Mar de Noia lograba dúas medallas (1 ouro e 1 prata); o Club Remo Cedeira outras dúas (1 ouro e 1 bronce); e tanto o Club Regatas de Perillo como o Club Remo Tui conseguían 1 ouro cada un. O Club Remo Vigo lograba 1 prata; e o Club Remo do Muíño, 2 bronces. O anfitrión, o Club Náutico Castrelo de Miño, tamén participaba no campionato con dous remeiros: Hugo Ávarez Gil en 1x xuvenil masculino e Clara Fernández Parada en 1x absoluto feminino.

 

Un dos remeiros absolutos en plena competición.

 

O protocolo imposto por motivos sanitarios fronte ao Covid impedía a celebración do acto de entrega de medallas, pero seguindo o desenvolvemento da competición estaban, ademais da presidenta da FER, o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos e o Concelleiro de Deportes, José Antonio Ferreiro, entre outros.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información na vindeira edición de O Sil Deportivo.

 

Artigos relacionados

Back to top button