En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A enfermería barquense pídelle á cidadanía que non baixe a garda contra o Covid-19

Nun acto polo Día da Enfermería, celebrado no hospital valdeorrés, este colectivo aseguraba que "imos seguir coidándoos"

 

Este 12 de maio está sendo unha xornada moi especial para a enfermería barquense. Recibía unha homenaxe, coincidindo coa celebración do Día da Enfermería, polo esforzo e importante labor que ten realizado nestas semanas de emerxencia sanitaria polo coronavirus.

Enfermeiras do Centro de Saúde e tamén do Hospital Público de Valdeorras (HPV), acompañadas por outros profesionais sanitarios, recibían ás 12:30h. diante deste último centro á Policía Local e a varias ambulancias, con carteis que formaban a palabra “Grazas”. Así comezaba o acto.

Soaba despois a música e a voz do cantautor valdeorrés Sito, á que se unían as de todos os asistentes para interpretar un emocionado “Resistiré”. E despois escoitábase ás enfermeiras. En representación do colectivo interviña Cova Antón, da planta azul do hospital, quen comezaba agradecendo a organización deste acto. “Os que o pasamos tan mal sabemos o que emociona que nolo recoñezan, pero recordade que somos enfermeiras e auxiliares de enfermería todo o ano”.

 

Cova Antón, enfermeira da planta azul do Hospital de Valdeorras, durante a suá intervención.

 

Tamén lle lembraba á dirección do centro hospitalario o gran traballo realizado, “curramos moito e pasámolo moi mal. Eu na miña vida o pasara tan mal, así que espero que, como mínimo, nos teñamos ganado un respecto da dirección deste hospital”. Antón recoñecía tamén o labor de todos os que traballaron para loitar contra a pandemia, “o conxunto dos colectivos do hospital, de centros de saúde, de residencias de maiores… Grazas a iso saíuse adiante, e un recoñecemento tamén para os dos uniformes”, dicía en alusión ás forzas de seguridade.

 

 

E lanzaba unha clara e directa advertencia á cidadanía para non baixar a garda. “Por favor, moito coidado. Fase 1, terrazas e todo o que queirades, pero gardade a distancia, lavar as mans, poñer mascarillas”. Pedía tamén que se lembrase que “nós sempre vos estivemos coidando, estudamos isto por vocación, e ímolo seguir facendo a pesar dos recurtes en sanidade, a pesar dos contratos precarios, a pesar das diferentes políticas… O colectivo de enfermería e, sobre todo, o do hospital do Barco vai seguir coidándovos”, concluía.

A celebración incluía o reparto dunha serie de mensaxes entre as persoas que entraban e saían do centro hospitalario, así como unha pequena exposición de doces, cada un cunha frase, para os asistentes.

 

 

“Síntome moi orgullosa deste hospital e desta homenaxe ás enfermeiras”, comentaba Sandra, supervisora de quirófano. “Ten sido unha homenaxe fantástica e queremos agradecerlle a súa organización á dirección do distrito. Nun ano tan duro como este, un recoñecemento destas características dache un subidón de enerxía”, comentaba ao seu carón Ana, a subdirectora de Enfermería no HPV.

“Este é un recoñecemento á xente que traballa no hospital, porque aínda que é pequeno de tamaño, é un gran hospital, con grandes profesionais. Hoxe tivemos unha xornada marabillosa, un día da enfermería pero que ten sido un día para todos”, concluía Ana.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e vídeos:
https://osil.info/unha-celebracion-do-dia-da-enfermeria-chea-de-sorpresas-no-barco/

Artigos relacionados

Back to top button