En portadaÚltima hora

A entrega de premios da XXX Cata dos Viños de Galicia, en imaxes

Na categoría da D.O. Valdeorras resultaban galardoados o D’Berna (branco) e o Ruchel Secretos (tinto)

Un total de 23 marcas resultaban premiadas na XXX Cata dos Viños de Galicia, unha boa parte delas ourensás. O acto de entrega de galardóns desta cata tiña lugar na tarde do 12 de xullo no Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín).

Nesta edición participaban 350 viños de 169 adegas pertencentes ás D.O. Valdeorras (16 adegas), Ribeiro (42), Rías Baixas (54), Monterrei (16), Ribeira Sacra (31), I.X.P. “Viños da Terra” (6) e adegas inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) (4). Por outra banda, tamén se presentaban no certame 42 mostras de 18 empresas inscritas no Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Entre todas estas mostras elixíanse os mellores branco e tinto de Galicia, distincións que lograban, respectivamente o albariño Veiga da Princesa e o Crego e Monaguillo da D.O. Monterrei. Había ademais galardóns por denominacións de orixe, que no caso de Valdeorras eran dous acios de ouro: un para o D’Berna (Guitián y Blanco) de Córgomo (Vilamartín e outro para o tinto Ruchel Secretos da adega vilamartinesa Ruchel.

Tamén se incluían premios para os viños de colleitas anteriores, de madeira, escumosos e ecolóxicos. No caso das bebidas espirituosas, está a elección dos potes de ouro, prata e bronce das augardentes, licor café e licor de herbas.

O acto de entrega de premios, que se ía intercalando coa música de De Vacas, contaba coa presenza da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, entre outras autoridades. Tras a entrega, tiña lugar unha degustación de viños con outros produtos de calidade galegos.

Máis información sobre os premiados:
https://osil.info/dberna-e-ruchel-acios-de-ouro-da-d-o-valdeorras-na-cata-dos-vinos-de-galicia/
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button