SanidadeÚltima hora

“A escaseza de especialistas en radiodiagnóstico fai que sexa complicado cubrir as vacantes do HPV”

A directora de Procesos Asistenciais da área ourensá, Mar Vázquez, di que, mentres non se atopen profesionais, estase dando cobertura ás necesidade do Hospital de Valdeorras dende Ourense de forma telemática

Mar Vázquez, nova directora de Asistencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

 

Ata finais de novembro o Servizo de Radioloxía do Hospital Público de Valdeorras contaba con 4 radiólogos no seu plantel, pero, facendo uso do concurso de traslados dous profesionais que formaban parte deste servizo (que agora queda con 2 especialistas) pediron “o seu traslado a outros dispotivos do Sergas e, polo tanto, deixaron o seu posto vacante”, explica Mar Vázquez Salvado, directora de Procesos Asistenciais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Así mesmo, indica, que dende “esta dirección estanse a tomar todas as medidas posibles para a cobertura destes postos, pero a escaseza de especialistas en radiodiagnóstico fai que sexa complicado e, de momento, non tivemos éxito na convocatoria e na busca de profesionais”.

Vázquez Salvado tamén indica que, na situación actual, os dous radiólogos que siguen a formar parte do servizo, “non son capaces de asumir toda a actividade que o HPV necesita e, polo tanto, estase dando cobertura dende o Hospital de Ourense. O modelo proposto é diferente en función de se contamos con radiólogo no Hospital de Valdeorras ou non, pero realmente son modelos que están a funcionar dende hai moitos anos noutras institucións sanitarias públicas, falamos da cobertura mediante teletraballo e radioloxía. Eevidentemente esta función realízase por un especialista, que aínda que forma parte do CHUO, está adicado nesa garda, completamente, ás solicitudes que poidan xurdir dende o Hospital de Valdeorras, non é un traballo compartido o que tería que facer en Ourense. E ata a data estamos funcionando así, pero insistiremos na cobertura de profesionais en canto isto sexa posible”.

 

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais, a directora de Procesos Asistenciais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras explica que “o sistema de diagnóstico por imaxe permite compartir as imaxes dos equipos. As probas que se fan no Hospital de Valdeorras poden ser vistas, non só dende o Hospital de Ourense, senón tamén polo persoal que está de garda dende o seu domicilio ou en Verín. As imaxes son compartidas, a visualización de todas as probas, non só o que se está a facer nese momento, senón probas que poida ter ese paciente previas, como estudos complementarios que poidan ser de utitilidade á hora de facer o informe. Este sistema informático tan potente permite compartir imaxe e o informe sen estar in situ necesariamente”.

Artigos relacionados

Back to top button