ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A escritora Celia Díaz, nomeada “Filla Adoptiva de Quiroga” no Día das Letras Galegas

Nesta xornada do 17 de maio tamén se facía entrega dos premios do Certame de Narración e Debuxo das Letras Galegas 2018

Dobre acto para celebrar en Quiroga o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Ás 12:30h. no salón de actos do Concello procedíase á entrega de premios aos ganadores do Certame de Narración e Debuxo Letras Galegas 2018, na súa fase local convocada pola Biblioteca Nodal de Lugo coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Na categoría A modalidade narración resultaban galardoados Alejandro Beteta González, Miguel Sánchez Franco e Noelia Aira Soto. Na categoría B, tamén da modalidade narración, os ganadores eran Eis Durán Iglesias, Celia López Quintela e Estela Ferreiro Rodríguez. Finalmente, na categoría B modalidade debuxo, resultaban recoñecidos os traballos de Natalia Álvarez Díaz, Susana Sánchez Suárez e Irene Rodríguez Vázquez.

Seguidamente, no mesmo salón de actos, comezaba o acto solemne de nomeamento de “Filla Adoptiva de Quiroga” á escritora Celia Díaz Núñez, nacida no Páramo pero “que aos poucos días anos trasladouse a vivir a Quiroga, terra da súa nai”. É licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago  e tamén diplomada en Maxisterio. Reside en Ourense onde exerce como docente de lingua e literatura galega no ensino secundario.

No acto destacábase a súa traxectoria literaria, na que ten cultivado xéneros como o teatro, o ensaio ou a novela, ademais de ser autora de libros de texto en galego. Conta asemade con varios premios literarios e, pola súa relación con Quiroga, moitas das súas obras están ambientadas neste municipio do sur lucense: “Rugando” (narrativa, 2012), “A boca do monte” (narrativa, 2016), “Voces da Terra. Quiroga e os seus escritores” (ensaio, 1995).

Tras o acto actuaba o grupo de gaitas “O Recanto”, que tamén facía un pasarrúas precedendo os asistentes ao acto (entre eles o alcalde de Quiroga Julio Álvarez, concelleiros e a homenaxeada) ata a Casa da Cultura, onde remataba a celebración con petiscos e viño.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás a primeira cedida polo Concello de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button