Publicidade
CulturaCulturaÚltima hora

“A Esmorga” de Vilar, no Festival de Cans

O director valdeorrés participaba na sección “Rebobinando (se puidese volver atrás)”
Ignacio Vilar, director de "A Esmorga", na súa exposición no marco do Festival de Cans, xunto a Alfonso Pato./ Foto: Festival de Cans.
Ignacio Vilar, director de “A Esmorga”, na súa exposición no marco do Festival de Cans, xunto a Alfonso Pato./ Foto: Festival de Cans.

Entre os nomes do audiovisual galego que están a pasar nestes días polo Festival de Cans está o do director valdeorrés Ignacio Vilar. Ademais estreaba unha nova sección no marco desta 13ª edición do certame: “Rebobinando (se puidese volver atrás)”, co fin de abordar os aspectos que cambiaría do seu último filme, “A Esmorga”, con gran éxito entre os espectadores galegos e que agora se está proxectar en salas de diferentes puntos de España. Vilar facía a súa exposición na tarde do xoves 21 de maio no Circulo Recreativo e Cultural (O Porriño). Ademais proxectábase a longametraxe.

Público seguindo a intervención de Vilar na tarde do 21 de maio./ Foto: Festival de Cans.
Público seguindo a intervención de Vilar na tarde do 21 de maio./ Foto: Festival de Cans.

Tamén na tarde do 21 de maio se desvelaban os nomes dos primeiros gañadores desta festival. O xurado dos videoclips premiaba o do tema “Magma y Trueno”, de Guerrera, dirixido por Adrián González e Rafael Pérez, “por conseguir un equilibrio perfecto entre a proposta estética e a música e por crear un ambiente cativador ao mesmo tempo que transmite a inquietante expesura da música a través dunha proposta moi arriscada pero efectiva”.

Por outra banda, o público escollía “Floating”, de Mequetrefe, dirixido por Xaime Miranda Méndez, en dura loita con “Sonhos de raiva”, de Liska!, dirixido por Paulo Bouzas Fernández. Tamén decidía a obra gañadora da edición 2015 da Can Parade, que foi a ideada por Roi Domínguez.

O programa do Festival de Cans enfía agora cara o seu día grande, o sábado 22, cun programa ateigado de referencias. Así, xa ás 10 da mañá, terán lugar tres actividades, para todos os públicos: no Parque do Río comezará a funcionar o espazo infantil, na Igrexa de Cans arrincará o CanSonoro capitaneado por Xurxo Souto e nos baixos e cubertos da aldea comezará a primeira sesión do pase matinal das curtas a concurso. Será asemade o director José Luis Cuerda quen protagonice dous dos momentos máis especiais do día grande do Festival: o coloquio na leira de Alicia e a colocación da súa estrela no Torreiro das Estrelas.

As proxeccións continuarán ao longo da xornada, tanto das pezas que participan na sección oficial como do material complementario que se proxectará nas dúas salas máis populares do festival: o Jalpón Fri e a Sala Multiusos, que se complementa coas actuacións no Jaliñeiro Unplugged. No primeiro presentará o líder de Def con Dos, César Strawberry, unha retrospectiva dos videoclips e o seu libro “Margen de maniobra” e proxectarase unha escolma das webseries do momento, e máis o documental de Enrique Otero “Funes, o inventor da lúa”.

Ás 16:30h. presentarase “Os gaiteiros do Mar”, de Xurxo Souto na Sala Multiusos. Neste mesmo lugar, pero ás 18:30h. tamén se presentará “Lobos”, o novo videoclip de Davide Salvado. Na Sala Multiusos. Non faltarán tampouco as actuacións musicais como a de Blues do País, no Cans Voulevar.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close