En portadaÚltima hora

“A Esmorga é unha das películas máis grandes que fixo o cine galego”

Ignacio Vilar, director deste filme que se estrea o 15 de novembro no Festival de Cine Internacional de Ourense
Ignacio Vilar na Praza do Ferro de Ourense. /Foto: Carlos G. Hervella.
Ignacio Vilar na Praza do Ferro de Ourense. /Foto: Carlos G. Hervella.

A novela A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, dá o salto á gran pantalla da man do director ourensán Ignacio Vilar. O petinés reuníu a Miguel de Lira, Antonio Durán “Morris” e Karra Elejalde para dar corpo e vida a Cibrán, Milhomes e O Bocas, que son os tres encargados de trasladar ao espectador a visión do director sobre a novela, “un estado de ánimo, unha filosofía, como te moves pola vida e polo mundo”, máis alá dunha noite de borracheira. Co apoio de todos os organismos onde foi presentada, o filme comeza rompendo moldes tanto na promoción coma na distribución e dende o 21 de novembro poderase ver en todas as salas de cine galegas. Antes, o día 14, director e reparto presentarán A Esmorga na cidade das Burgas, no Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), onde hai catro anos se dera xa a coñecer o proxecto. Alí esperan ter unha gran acollida porque “é parte dos ourensáns”. Ignacio Vilar cóntanos o respecto e responsabilidade que lle supuxo llevar ao cine esta novela e o seu obxectivo de abrir un camiño para o cine galego a través desta película.

¿Como nace a idea de levar A Esmorga ao cine e por que en concreto esta novela de Eduardo Blanco Amor?

Cando lin o libro, hai xa tempo, foi unha novela que me quedou aí. Para min é unha das grandes novelas da literatura universal, é un clásico. Hai como cinco anos vin unha representación de Sarabela Teatro que me entusiasmou e a partir de aí volveu outra vez a idea, crin que era unha novela moi cinematográfica e empecei a pensar en que podía levala ao cine. Tamén había unha cousa que me interesaba moito de A Esmorga e é que é un clásico dos galegos e das galegas, que é un espacio común de todos. Necesitamos espacios comúns onde transitar e onde convivir e A Esmorga penso que é un proxecto que daba esas condicións. E de feito foi así porque unha vez escrito o guión, que me levou un ano, empezamos a buscar o financiamento e este proxecto alí onde o presentamos alí foi apoiado. Ata TVE é a primeira vez que compra unha película galega rodada en galego. Nos vendémoslles ás televisións uns dereitos de emisión. Estreamos o 21 de novembro, 18 meses despois TVE pode emitir a película. Vendémoslle sete pases para todo o estado e para a internacional e iso é moito diñeiro. Igual que a TVG que tamén é coproductora e ten os dereitos. Ademais en AGADIC foi o proxecto más apoiado e, por suposto, o Concello de Ourense, a Deputación, todos os concellos onde rodamos, incluso a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Tamén unha das cousas que pensaba e que tiña moito medo era meterme nun proxecto no que os galegos e galegas leran a novela, porque é de lectura obrigada no ensino secundario. Iso é unha responsabilidade moi grande, foi o que máis me custou.

Os actores e o director na rodaxe en Moldes. /Foto: aesmorga.filmes.com.
Os actores e o director na rodaxe en Moldes. /Foto: aesmorga.filmes.com.

É que o público xa ten un referente. ¿Que nos pode sorprender de A Esmorga? ¿Mantén a fidelidade á obra literaria?

Fun bastante fiel á novela aínda que eu fago cine de autor e é unha visión persoal de A Esmorga. Pero pode sorprender que, de pronto, se lle vai poñer cara aos personaxes, con eses grandes actores. Foi un traballo moi grande atopalos e fixen durante meses probas e probas a todos os actores de Galicia e despois do Estado e iso é o máis difícil. Porque non era un personaxe, son tres, non só era un actor, tiñan que ser tres e ter esa interrelación entre eles. Fixen moitas probas ata que tomei a decisión e creo que vai a sorprender que Cibrán, Milhomes e O Bocas, de pronto, collen corpo. Despois esa atmósfera que transmite a novela, de frío, de desasosego, choiva, humidade, é un factor fundamental para o desenvolvemento da traxedia dos tres personaxes. Iso tamén sorprende porque no cine é unha das cousas máis difíciles. Rodamos tres meses 11 horas diarias de luns a venres en exterior. En Ourense, chovendo, coas cicloxéneses explosivas. Os actores ás veces estaban, tres, cinco horas mollados. Pleuritis, antibióticos… Foi durísimo. Pero xa fixemos moitas probas, e a xente, con esa atmósfera, sae emocionada.

¿Mantense o contexto histórico da novela?

Situámola nos anos 50. El a sitúa a principios do século XX pero nós nos 50 porque non cambiou tanto a sociedade, a depresión. O orzamento para o principio do século XX sería moito máis grande e os anos 50 é unha época que podiamos controlar. A cidade de Ourense se transformou, tendas, coches… iso tamén vai sorprender. Creo que é unha das películas máis grandes que fixo o cine galego. Poderíamos falar dunha supreprodución para o cine galego.

Ignacio Vilar co alcalde de Ourense e a concelleira de Cultura. /Foto: Carlos G. Hervella.
Ignacio Vilar co alcalde de Ourense e a concelleira de Cultura. /Foto: Carlos G. Hervella.

Xa ten un antecedente cinematrográfico, La Parranda. Entre todas as diferenzas que poda haber, a principal é que esta si é galega, ourensá. ¿Está integramente rodada en Ourense?

La Parranda de Gonzalo Suárez levouna para Asturias, co carbón, e perdeu a esencia. Para min A Esmorga había que collela dende dentro. A ruta que marca a novela, os nomes das rúas,… respetamos todo iso menos algunha localización que era imposible porque pola cidade non podiamos. Pero pódese dicir que o 90% das localizacións exteriores é a ruta de A Esmorga. En interiores foi complicado. Por exemplo a casa de citas tivemos que reconstruíla, para a taberna da Esquilacha atopamos O Papuxa de Ribadavia que a recomendo se non se coñece porque é unha taberna que resiste séculos, leva 150 anos e segue ese ambiente, esa atmósfera de cantar, de tocar,… fermosísimo. Esa taberna é a taberna de A Esmorga. Alí apenas fixemos nada e toda a xente que viu a película quedou impresionada. Despois, os exteriores de natureza tivemos que facelos nos arredores de Ourense e tamén en Lugo, en Ferreira de Pantón. O río Arenteiro, por exemplo, é espectacular, dálle gran forza á historia. Por que para min o cine é a historia, todo ten que estar en función da historia. Tamén esa luz, a particularidade da luz que ten Ourense, a decoración, que é unha pasada… Fixen ao 100% a película que quería.

Asistentes á presentación de A Esmorga en Ourense. /Foto: Carlos G. Hervella.
Asistentes á presentación de A Esmorga en Ourense. /Foto: Carlos G. Hervella.

A imaxe entón tamén vai ser moi característica da película.

Si. Para lograr chegar ao espectador, emocionalo, ten que haber unha totalidade. O cine é unha totalidade, maquillaxe, perruquería, vestiario, todo iso ten que favorecer a historia para chegar, senón non chega, e nesta película conseguímolo.

Falabamos da dificultade de rodar nese ambiente de escuridade, situación climatolóxica adversa, pero os actores ademais tiñan que estar borrachos…

Estivemos pechados, que iso nunca se fai en cine, nunha residencia no Carballiño cos actores e o asesor de actores, Ermel Morales. E a tese doutoral de Ermel é sobre como un actor pode controlar e levar os graos de borracheira cando fai unha película. Este é un método científico e en cada secuencia tiñamos unhas claves que eran as claves da borracheira en cada momento. Os actores tiñan a seguridade cando se rodaba unha secuencia de como tiñan que camiñar, falar, xestualizar… dependendo do grao de borracheira que levaban nese momento. Porque era unha das cousas máis difíciles, dende que empeza a película ata que remata están bebendo augardente, viño… E había que acadar ese punto en que non foran borrachos pero que á vez lles está influíndo no que lles está pasando. A verdade é que era unha das cousas máis difíciles pero é totalmente crible.

Os tres protagonistas nun momento da rodaxe en Ourense. /Foto: aesmorga.filme.com.
Os tres protagonistas nun momento da rodaxe en Ourense. /Foto: aesmorga.filme.com.

E ademais converteu un vasco en galego. ¿Como foi esa transformación?

Foi complicadísimo pero presentei a película a catedráticos de galego e quedaron impresionados con Karra, co galego e co acento de Ourense. É un galego-falante perfecto. O mérito é impresionante. Para ser un actor que é a primeira vez que ten un contacto co noso idioma a xente queda impresionada.

Hai catro anos presentou o proxecto no Festival de Cine Internacional de Ourense e agora volve para a súa estrea. ¿Notou o apoio da cidade e dos organismos públicos ourensáns?

Totalmente, o Concello, a Deputación, a xente, sen o apoio da xente durante a rodaxe sería imposible esta película. A Esmorga para os de Ourense é algo que fixeron seu, entón a película a fixeron súa. Notamos que Ourense está esperando esa grande estrea. E é a primeira vez tamén que o cine galego, rodado en galego, chega a todos os cines.

¿Como vai ser esa distribución?

O día 21 de novembro estará en todos os cines que hai en Galicia. En Vigo está en todos os centros comerciais, en A Coruña chegamos a Marineda City e a Os Cantóns, en Santiago, que non podía entrar unha película nosa, está en As Cancelas. En todas as salas. E normalmente estreabamos unha semana nunha, a seguinte noutra, pero esta vez xogámola na primeira fin de semana, lánzase todo á vez. Xógaste todo a primeira fin de semana. Se consegues encher as salas quédaste, senón nos quitan. Entón esa é a nosa aposta. Estamos nos centros comerciais de toda Galicia, nos autobuses, en Vigo hai seis autobuses circulando, paneis, iso nunca se fixo no cine galego, nuncha chegou aos paneis publicitarios.

Outro momento da rodaxe no Pazo de Ferreiroá. /Foto: aesmorga.filme.com.
Outro momento da rodaxe no Pazo de Ferreiroá. /Foto: aesmorga.filme.com.

¿E vai dar o salto ao resto do Estado?

Ese salto depende dos galegos. O cine necesita espectadores e para nós o fundamental é que esta película a fago para os galegos e galegas, para veciños e amigos, entón son os galegos os que teñen que decidir se seguimos polo mundo adiante con esta película. A responsabilidade é de todos. E non só responsabilidade de que a xente vaia ao cine senón que nós estamos seguros, despois de todas as probas que fixemos, que se vai vivir unha experiencia. A min gústame o cine para vivir unha experiencia, non para ir pasar o rato. E esta película é unha experiencia.

¿A promoción vai seguir a estela de Pradolongo e Vilamor?

Vai ser diferente. Os actores só teñen 10 días. Pero ideamos un sistema que antes nos levaba catro meses e agora en dúas horas o solucionamos. Nós imos ir a todas as cidades. De 12 a 14 horas, R nos conecta con toda a provincia de Ourense, cos centros de ensino e coas facultades de Ourense. En dúas horas nós estamos en directo con todos os rapaces da provincia que estean conectados e eles poden preguntar e nós responder. E logo pola tarde, de 19.30 a 21.30 horas estamos con todos os centros culturais, deportivos,… en toda a provincia. Con Pradolongo e Vilamor isto nos levaba un mes, e agora témolo en dúas horas. Cada película ten que adaptarse ás necesidades que ten. E os actores non poden estar un mes na provincia de Ourense. É a primeira vez que se fai no mundo. En Galicia estamos na vangarda das promocións de cine con esta película e con ela podemos ademais abrir un camiño moi grande para o cine galego, que está competindo coa cinematografía do mundo. Se acadamos iso, se acadamos encher as salas abrimos un camiño grande para o noso cinema e para seguir contando as nosas historias e que nos coñezan, que nos sirvan a nós e que ademais nos coñezan no mundo. O cine non só conta historias, ensina paisaxes, formas de ser, gastronomía e penso que os galegos e galegas temos moito que dicir para nós mesmos e para o mundo. E niso a promoción é fundamental.

Texto: Patricia González Lindoso.

Artigos relacionados

Back to top button