DeportesÚltima hora

A estación de Manzaneda aumenta a superficie esquiable

Na nova tempada de inverno contará con catro novas pistas, unha delas negra, e nela prevense contratacións de persoal
Esquiadores nun telesilla da Estación de Montaña de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.
Esquiadores nun telesilla da Estación de Montaña de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

Ultímanse os preparativos na Estación de Montaña de Manzaneda para a vindeira tempada de inverno. “Desbroce, balizado, posta en marcha dos remontes son parte dos traballos que realiza o persoal da Estación para que todo estea listo de cara á nova tempada”, segundo se indica dende Oca Nova Manzaneda.

Será ademais unha campaña que se presenta con varias novidades. Entre elas a apertura de catro novas pistas para a práctica do esquí: Os Carqueixos, que será pista azul; Os Esquíos e Cancereixo ambas vermellas; e a que será a única pista negra da estación: Entrenamentos.

“Situadas na zona superior da estación, a Pista Os Carqueixos conectará coa actual pista Charrelas, e as outras tres estarán atendidas polo actual Telesquí de Os Corzos. Grazas á apertura destas novas pistas, o dominio esquiable de Oca Nova Manzaneda terá 23 pistas, pasando a ofrecer un dominio esquiable próximo aos 17 km”, segundo se informa dende o complexo invernal.

Por outra banda, e tendo en conta as boas expectativas, dende Oca Nova Manzaneda “tense posto en marcha un acordo cos concellos de A Pobra de Trives e Manzaneda, polo que se ten aberto prazo de selección de persoal para diferentes postos e categorías profesionais para a temporada”.

Segundo a empresa, as personas interesadas poden presentar o seu currículum na zona de Recepción da propia Estación ou a través do enderezo de correo electrónico rodriguez@manzaneda.com. O prazo para poder presentalos rematará o próximo día 21 de outubro.

Artigos relacionados

Back to top button