DeportesÚltima hora

A Estación de Manzaneda será escenario das probas de DH e tirolesa no campionato do mundo de aventura

Os primeiros equipos empezarán a chegar o domingo pola mañá á Estación, que programou un concerto e unha sesión vermut para quen queira seguir en primeira liña esta espectacular e durísima proba

 

Polo seu potencial como escenario dos eventos deportivos máis esixentes, a Estación de Montaña Manzaneda terá tamén un papel protagonista no Raid Gallaecia-AR World Championchip 2021 cunha vertixinosa proba de ciclismo de montaña, combinada coa tirolina.

Preto de 100 equipos con case 400 deportistas procedentes de 27 países sumaranse á competición, que se desenvolverá do 2 ao 9 de outubro polas provincias de Lugo, Ourense e A Coruña. Está previsto que os participantes comecen a chegar a Manzaneda o domingo pola mañá e para aqueles que queiran seguir esta espectacular proba desde primeira liña, a Estación de Montaña tamén ofrece entretemento: música en directo amenizará a xornada desde as 12:30 ata as 14:30 horas co grupo Apartlive e a dj Russinha.

 

 

É a primeira vez que o campionato do mundo de aventura chega a Ourense –dos 630 quilómetros dos que conta a carreira, 260 discorrerán polas súas terras– e aínda que o trazado permanecerá en segredo ata horas antes do seu inicio, xa transcenderon algúns detalles. Os deportistas entrarán na provincia o sábado por Valdeorras, atravesarán parte do macizo central pola serra de Queixa ata Manzaneda, descenderán en kaiak polos ríos Sil e Miño ata O Ribeiro e continuarán en bicicleta.

 

 

Na Estación de Montaña levará a cabo unha transición e unha espectacular proba de downhill. Trátase, este último, dun dos deportes máis arriscados do mundo e unha das modalidades de ciclismo de montaña que consiste en descender o máis rápido posible por unha pista natural con obstáculos. Tal e como se especifica na guía facilitada aos equipos, na estación poderán comprar comida e terán á súa disposición auga quente e corrente. Antes de saír á sección de BTT, dous corredores de cada equipo deberán realizar a proba especial de downhill. Así, subirán en telecadeira e baixarán pola pista de Medras. Outros dous corredores deberán subirse á tirolesa co equipamento facilitado pola organización. Unha vez reunido o equipo, deberán subir os catro integrantes en telecadeira e ao chegar á parte máis alta da estación poderán continuar na sección de BTT.

 

Artigos relacionados

Back to top button